20240914

Guerra e paz

    Un domingo máis, unha xuntanza máis pola paz. Mentres comeza unha nova ofensiva na Ucraína, mentres seguen a masacrar xente en Palestina, mentresmultitude de guerras, do Sahara a Sudán seguen sendo a orixe de penalidades e morte, xuntámonos un domingo máis no cantón de Ribadeo, ás 12:30 para poñer un gran de area e reclamar esa paz que si é posible.

    E dúas fotos de Suso, lembranza do domingo pasado (lembremos, festa en Ribadeo, e, segundo algunha entidade institucional, 'non momento adecuado' para pedir a paz):




No mundo das canouras

     Outros tempos existiron. As canouras pertencen a eles. Mais este fin de semana teñen unha lembranza e podes meterte no seu mundo... e con elas, no mar.





20240912

Bíteres de honra

    O 'Universo Aurora Sampedro' segue adiante. Para o día 27 está convocada a entrega dos Bíteres de Honra, os primeiros que se conceden.

    A nota de prensa: 


O próximo día 27, vernes, ás 17h temos a entrega dos Bíteres de Honra Aurora Sampedro. 

As premiadas son:

Marta Macho-Stadler, Catedrática de Matemáticas da Universidade do País Vasco, autora do Blog "Mujeres Con Ciencia", que estará connosco ese día.

In memoriam: Maria Antonia González Abraído, funcionaria de extensión agraria. Desenvolveu o seu traballo nas comunidades de Guitiriz e Begonte nos anos 70-80 do século XX.

Institución: IES LUCUS AUGUSTI.

Os actos comezan ás 17 h no camposanto de San Pedro de Benquerencia, coa ofrenda floral a Aurora e Maritoni, as dúas enterradas nese cimeterio. Haberá lecturas de textos e de poesía. Está invitada canta persoa quera ir. En particular, a participación nas lecturas de alumnas e alumnos dos centros educativos.

Despois continuaremos coas actividades, coma sempre, no Canteiro.

Será un acto sobrio, entrañable e cálido. 

20240910

Algunha foto e algo arredor dela

Algunha foto e algo arredor dela

    Chegáronme por varias canles entre onte domingo, día grande das patronais de Ribadeo, e hoxe luns, varias fotos e varios memes feitos a partir delas. As fotos son tomas do alcalde de Ribadeo, Daniel Vega, coa vasoira e recolledor en man limpando a parte alta das escaleiras do concello ribadense o día da patroa pola mañá. É dicir, en plenas festas e despois de pagar, dende hai xa tempo, a unha empresa contratada un extra para reforzar o servizo de limpeza e manter impoluto o pobo, ou ao menos a zona máis visible del. Como complemento, outra foto tomada pouco despois, ó frente da corporación, escoitando á Banda 'de Gaitas' de Ourense en formación diante do concello. A esas fotos logo se lle xuntaron memes, con lendas commo 'novo fichaxe de FCC' (a empresa contratada para limpar máis, ou 'o castigado da clase', ou coa foto trucada como se estivera varrendo cartos (querendo supoñer que como comisión do contrato de limpeza).

    Como se pode observar, as fotos son de risa fácil, e iso pode provocar que sexan o que agora se chama 'trending topic' a través das redes. Mais, máis aló dese primeiro impulso a rir, coido que poden ter numerosas outras lecturas, mesmo contraditorias unhas coas outras. Por exemplo:

    - O alcalde de Ribadeo déixase sacar unha foto traballando nun traballo manual para o concello, o que o dignifica de xeito independente a que na súa labor como alcalde o faga ben ou mal. Mesmo diríase que a foto pode ser propaganda pagada polo alcalde!

    - O alcalde déixase ver limpando, como se por outra banda non estivera presumindo a diario dunha controvertida limpeza do pobo. Está visto que non é capaz de que a xente contratada de reforzo limpe nin a propia casa do concello!

    - O alcalde, á primeira de cambio, adícase a outras cousas que non son as propias da alcaldía. Aí están estas fotos para amosalo!

    - Que pouca previsión e que mala programación hai no concello para que o alcalde teña que estar a limpar no último momento para non quedar como un porco!

    As anteriores son só algunhas das moitas posibilidades que se poden pasar pola cabeza, ás que habería que aumentar as cábalas sobre a orixe do lixo que podía haber en tal lugar un festivo pola mañá, ou mesmo a natureza de tal lixo, que non se apreza (devolto dun botellón? Pipas dos pícaros de primeira hora do festivo?). De calquera xeito, de forma natural, a xente máis achegada a simpatizar co alcalde collerá as interpretacións máis favorables, mentres que no outro extremo quedarase cos memes máis punzantes. Moita xente non irá máis aló do 'desfrute' puntual, mentres haberá quen sinxelamente apartará fotos e memes como unha parvada.

    Parvada si, pero aí quedará testemuña dun feito que é posibe que se comente tanto como o custe aumentado do alumeado de Nadal ou a oportunidade, agresión á ría, perigosidade e presencia do novo mirador sobre a ría, por non falar doutros temas.





20240908

Hoxe en Lourenzá por Palestina

    Onte falei da xuntanza pola paz en Ribadeo. Hoxe domingo sumouse Vilanova de Lourenzá. Mandáronme (Enrique Fernández Rivas, de Lourenzá) fotos e o texto lido. Adxunto quedan como testemuña. 

"Condenamos o xenocidio que se está a comenter por parte de Israel contra o pobo de Palestina, sendo Estados Unidos o gran patrocinador desta guerra mentras que a Unión Europea mira para outro lado por intereses propios.

Lembramos que actualmente hai máis de 40 000 civís asasinados, na súa maioria nenos e mulleres. Estes civís son asasinados nos propios campos de refuxiados nos que supostamente deberían estar a salvo.

A limpeza étnica á que se ven sometendo o pobo palestino dende a fundación do estado de Israel ven deixando millóns de desprazados do seu territorio, repartidos por Siria, Líbano e Xordania, vivindo en condicións infrahumanas, a máis dos que se encontran como desprazados dentro do seu propio pais, nos que son bombardeos e asasinados día a día.

Non é abondo con tibias condeas por parte da comunidade internacional, senon que son necesarias medidas efectivas que leven ao cumprimento das resolucions aprobadas por unanimidade polo Consello de Seguridade da ONU con carácter vinculante, entre elas a resolución 242 que pasa pola retirada do exercito Israelí dos territorios ocupados e a necesidade dunha paz Xusta.

Queremos insistir en que isto non é unha guerra, é un xenocidio, onde as mulleres, os nenos e a poboación civil asaninados impunemente non son unha ameaza."




As festas non son iguais para todos

    As festas non son iguais para todos. Por suposto. Nunca o foron nin o serán. É máis, non creo que as festas que se poderían celebrar en Gaza sexan igual nestes tempos que hai só uns anos, aínda estando mal a situación dende hai xa perto dun século, e aínda que a xente sexa case a mesma.

    Pero neste caso non se trata diso, senón de algo máis sinxelo, da xestión dunha festa para que se poda desfrutar dela dun xeito máis ou menos homoxéneo, ou ó menos, para procurar que todo o mundo saia algo beneficiado da festa e ninguén moi perxudicado.

    As fotos que deixo a continuación son de Ribadeo, de hoxe mesmo, día grande das festas patronais, no centro do pobo, a conto dunha queixa que está nos vidros dunha vivenda e que podería ser evitada -non foron unha ou dúas persoas quen mo comentou, senón abondas máis-. O mesmo que as fotos qe deixo, poderían quedar comentarios diversos sobre as festas, e máis aínda, sobre un tema que está relacionado na mente da xente: a xentrificación que se está a sufrir xa en Ribadeo a conto da invasión do pobo sobre todo no verán. Sobre este último tema, houbo quen me comentou que nas típicas relacións de postos entre pobos e comarcas que aparecen nos xornais, Ribadeo aparece como dos pobos de Galicia máis invadidos, pero en cambio non dos que sacan maior beneficio (algo que non puiden comprobar). E tamén houbo quen me comentou que a xente non se queixaba. En relación a isto das queixas, como xa teño experiencia doutros lugares, respondín que non era que a xente non se queixara, senón que as queixas quedaban afogadas ante a propaganda de quen estaba interesado no negocio e polo tanto non vía o tema cos mesmos ollos, ou mesmo ás veces propaganda pagada cos cartos de todos. Son cousas sobre as que coido haberá que voltar e voltar, con máis profundidade e calma que hoxe. Ó fin, lembro que 'o Ribadeo que queremos' non foi atendido en décadas, que non se consultou á xente nin houbo un 'plan de desenvolvemento', e que segue sen habelo, nin tampouco un plan para atenuar os efectos negativos unha vez visto o desenvolvemento habido.

    As fotos que dan testemuña da situación son de Suso as dúas últimas, e o resto, miñas:









ESTILO MONDRA. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Captura da ficha de Mondra no seu artigo de Galipedia. Lic. CC BY SA 4.0

ESTILO MONDRA

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    O teense nado co século XXI Martín Mondragón (de alcume artístico Mondra) xa ten un estilo de seu dentro da actual música electrónica, categoría na que gañou non hai moito o premio que casualmente leva o seu nome (e tamén o dun troveiro medieval e o dun viño branco albariño): o Martín Códax. Malia a súa sona, o cantante non se esquece do seu Teo natal, ao que constantemente honra. Declarou que o lugar preferido do seu concello é o Monte da Agrela, espazo para el feiticeiro polo que o escolleu como localización do seu recente videoclip “Punhetas”.

    Define a súa música e as súas composicións como modernas mais artesanais (tanto nas melodías como nas letras), na liña das Tanxugueiras, das Fillas de Cassandra, de Berto (o seu actual produtor) ou do mariñán Ortiga, música de raíz en galego cun aquel de acústica contemporánea nunha mestura que xa iniciou hai uns anos o polifacético Rodrigo Cuevas en lingua asturiana con incursións na galega.

    O seu primeiro disco foi o ano pasado e con el xa puido vivir exclusivamente da música, algo inaudito no panorama musical español cantando nunha lingua que non sexa o castelán. Abofé que ten un futuro artístico do máis prometedor o bo do rapaz!

20240907

Un primeiro sábado de mes en Ribadeo, unha xuntanza de pensionistas máis

     Un primeiro sábado de mes en Ribadeo, unha xuntanza de pensionistas máis. Á beira das festas, pero non cercados por elas. No Cantón dos Moreno, á beira tamén das terrazas e a xente mirando para outro lado (ou para a concentración, entre curiosidade e espectáculo). Hoxe e aquí, 25 persoas que se unen ás moitas outras ó longo de Galicia e do estado. Deixo fotos que tomou Enrique Fernández Rivas (Enrique de Lourenzá) e máis abaixo, dous textos lidos por Evaristo Lombardero, quen tamén se preguntou se, tras a remodelación do hospital asilo de San Sebastián e San lázaro de Ribadeo, pasaría a privatizarse (síntoo, non gravei o audio)...




    Un dos textos lidos por Evaristo, carta para a que piden difusión os familiares dos 7291 falecidos nas residencias da Comunidade de Madrid, dirixida ó fiscal xeral e a xudicatura. Ligazón ás conclusións da comisión cidadá.

    O outro:



Xuntanza de pensionistas en Ribadeo

     Só unha nota curta de embranza: como cada primeiro sábado de mes, nas escaleiras do concello, este sábado haberá xuntanza de pensionistas en Ribadeo.



20240906

Patronais en Ribadeo

     Coas festas a piques de rematar, decátome de que non difundín a carteleira das patronais 2024. Aí vai, comezando polo final:






20240905

Domingo, festa pola paz

    A paz é necesaria. A súa lembranza, o seu desexo, mesmo en festas (sobre todo, nas festas), tamén.


E en Vilanova:



Un novo Chío: nº 31, setembro 2024

    Despois do verán, un novo exemplar da revista Chío está dispoñible. Aquí o tes, con colaboracións diversas: Lucía Ferro, Carlos Dafonte (si, fillo doutro Carlos Dafonte), Luis Villares, Santy Gutiérrez... co tema básico do cine como fío, e dirixida por Melina López. Por certo, este e os anteriores exemplares podes velos en Chío.com.

    E, como de costume, tamén en separado o meu artigo:


Chío?


Oio os chíos dos paxaros aló, lonxe á fronte. Tamén algún máis, solto cara á miña dereita. Un can ladra ás miñas costas, onde hai pouco se escoitaba murar unha vaca. O zunido das follas ó vento mestúrase co acariñar dese mesmo vento e o seu suave son. A mesma árbore da que me chegan os chíos dos paxaros alí pousados, que hoxe asemellan engaiolados. Cambo de sentido e vexo o verde, os verdes, baixo o ceo gris, os ceos grises e azulados. O banco marrón no que me deixo estar lémbrame esa outra madeira, viva, que sustenta o verde das árbores que nos facilita a vida co osíxeno que respiramos. Cheirumes diversos chegan producindo sensacións variadas. Penso en achegarme á herba e pasar a man, mais quedo.


De cando en vez, un motor. Tractor máis que coche. Tamén máis ca ordeñadora -canto se asemella a ordenador a palabra e que diferente a súa función...-. Fan a vida máis doada, din, a cambio de ruído e contaminación. Ruído que se escoita, aínda que pola cantidade e continuidade por estes pagos non se poda dicir que molesta, non pode competir cos outros, anteriores no texto e ancestrais na historia. Contaminación que, no medio do campo, non se aprecia aínda que estea aí. E como fondo estraño, un avión que nun momento se deixa escoitar máis que ver a través das nubes. Estraño pola súa presencia manifestada, e tamén por esa puntual preeminencia auditiva fronte á visual, a clásica lonxe dos aeroportos. Poñendo unha nota como sobrenatural e pasaxeira.


As moscas. Parte picante e molesta de formigas, insectos, arácnidos, lagartos e outros animais que rodean por aire e terra e que nos lembran que só temos control parcial do mundo, do resto dese mundo no que estamos incluídos, e mesmo de nós. Que estamos supeditados á natureza, que se pretendemos separarnos dela non sendo deuses, sucumbiremos con ou sen ela.



E mentres todos eses ruídos de fondo suceden e se suceden, a mente pode abstraerse -e abstráese- sen fixarse no rendemento que nos persegue. Pensando pode que no destino dun rural que se morre mentres segue a ser necesario non só para alimentar o estómago. Ou no camiño aparentemente aleatorio de cada formiga mentres trazan en conxunto as liñas máis curtas para que a súa sociedade-formigueiro teña mellor acceso ós recursos. Ou nesas plantas que medran invadindo o que a humanidade pretende humanizar -di-, desnaturalizando a construción da paisaxe. Ou no hórreo veciño que se ve afectado polo paso do tempo, ó tempo que se pasa do seu mantemento, deixando ver as marcas que lle van quedando. Ou nas hortensias, fatigadas coas flores xa murchas na súa segunda floración este ano, polo momento. Venme á cabeza Espronceda: ‘(...) sino yo, triste cuitado / que vivo en esta prisión / que ni sé cuándo es de día / ni cuándo las noches son (...)’ en paralelo cunha cárcere de tamaño planetario. Lugar do que mentres nos pechamos máis, consumindo os seus recursos, algúns soñan poder evadirse, cunha idea a modo de moderno karma tecnolóxico que posibilita o saír do ciclo de reencarnacións da vida no planeta.



Sácame dos meus pensamentos a veciña no seu tractor, no seu traballo, pasando mentres me saúda. E paso eu a ser consciente de que deixo de mirar o meu embigo para lembrar que non só estou nunha natureza que non me/nos pertence, senón á que todos nós pertencemos. Albisco que temos pensamentos semellantes, mesmo quen non ten tempo para pensar, anguriado polo traballo, obrigas ou cansazo, e aínda que pareza de primeiras que as ideas semellan opostas ou totalmente sen relación. Ideas humanas son, algo terán en común. Un albiscar que pode chegar lonxe, quizais a unha lembranza de Gaza ou Etiopía, pasando polo Sahara ou Afganistán. Ou quedarse mesmo dentro de nós, como unha dor de cabeza.



Hoxe fixo calor húmida, sen Sol. Mañá volverá saír o Sol, esteamos ou non nós.

20240904

Só para os meus lectores. Letras de Ángel Alda

    Só para os meus lectores. Iso me dixo Ángel Alda cando lle propuxen que o pequeno escrito que deixo a continuación pasara a este blog. E así queda, acompañado das catro fotos que me enviou, pero sen título: pónllo ti.

    Fíjense en estas cuatro imágenes fotográficas que he tomado esta misma mañana en Ribadeo.






    En una de ellas una naranja está insertada en la punta afilada de la verja de un caserón indiano de la calle San Roque. Un observador ingenuo diría que el fruto ha caído del árbol con la velocidad y la fortuna precisas para alcanzar ese final tan llamativo. No digo penoso pues al fin y al cabo el destino de cualquier fruta es terminar cruelmente devorada por una boca o por el paso del tiempo. Pero vuelvan a fijarse y verán que la lanza se ha hincado con tal profundidad en la fruta que uno duda que la simple fuerza de la gravedad haya conseguido ese efecto. Aquí ha tenido que intervenir la mano de algún ente humano buscando un efecto determinado ¿Pero cuál? ¿Que se pretendía? ¿Llamar la atención? ¿Un simple juego? Ustedes me dirán. Conmigo lo han conseguido. Estoy confuso.

      Vayamos a la otra escena. En el paseo del Cementerio.Un vecino plantó un árbol en la linde de su finca. Con el tiempo el árbol, creo que un ciprés, tengo que consultar con mi amigo Matamala, ha crecido como todos los cipreses (*). Buscando la gloria de la altura como escribía Gerardo Diego de los de Silos. Y con esa búsqueda obteniendo un equilibrio de formas sutiles, de geometría natural y equilibrio estético asilvestrado. Pero también, como en el del naranjo, una mano humana ha querido añadir un efecto artificioso. Ha procedido a una poda artística a la que son tan dados algunos jardineros por estas tierras cantábricas a imitación de los jardineros barrocos de los palacios y parques borbónicos. Aunque en este caso el podador anónimo ha encontrado la horma de sus tijeras. El dueño de la finca y plantador del árbol ha considerado oportuno dejar constancia de su disgusto con un texto que es toda una declaración de amor a los árboles y a la lengua gallega. Busquen ustedes el significado de una sola palabra, AGARIMO. El genio de un idioma en el tarro de un solo vocablo. No dejen de recrearse en ese texto.

* Ángel, despois de consultalo, especificoume que que é un tipo de teixo, Taxus baccata

20240902

Dunha festiña

O Pazo de Cedofeita, dende fóra, a media festa.
 
Dunha festiña
    O último sábado de agosto andiven pola Cedofestiña, a segunda que se fai despois da inicial o pasado ano. Foi organizada polo colectivo ribadense Vacas Fracas no Pazo de Cedofeita. Unha boa festa nun entorno agradable.
    Unha pequena festa cultural. Primeiro, festa, diversión amigable. Polo ambiente, case evento privado entre amigos, algo que o éxito de asistencia non deixou ser. Pero tamén, e de xeito inseparable, cultural, coa cultura como base, cine, tertulia, visita, música e música. Arte. E os subministros, claro, de bebida a comida pasando por camisetas. Aí estaban Inés, Andrés ou Andrea, e outros membros do colectivo traballando e coordinando, dende antes e ata despois. Unha festa relaxada en contraste coas festas para turistas ou mesmo para nativos turistificados. Ben, este ano. Tras o éxito, pregúntome se poderá en anos sucesivos seguir a manter ese carácter.
    O espazo de acollida, o Pazo de Cedofeita, acomódase ó dito 'se ten capela, pombal  e ciprés, pazo é'. E correspondendo co seu ser, brindou fermoso acubillo, lugar e edificio, para desenvolver as actividades, que comezaron precisamente pola visita ó pazo da man de César para coñecer o lugar. Terras e pombal, muro e patio, cociña, salón, habitacións, capela e torre, espazos de paso e almacén... Un lugar de onte, dende os séculos XV-XVI, valorado hoxe e aproveitado para (e que se aproveita de) esta festa. Unha festa-actividade que tamén pon en valor o espazo.
    Antes mesmo de comezar, a charla entre amigos e coñecidos tomando algo do improvisado bar e tenda (en estancias próximas, mais separadas) acendeu a mecha do encontro e da celebración.
    E viñeron as curtas, presentadas por Alba. A diversidade da xente asisten foi unha nota distintiva ós meus oos. Lixo, primeiro, Mañá, despois, e para rematar, A mirada delas, foron vistas polos asistentes no ateigado salón do pazo nunha tarde que ameazaba chuvia. E a seguir, no mesmo lugar, coloquio: mulleres, artistas, ribadenses. No lugar, a escritora Lucía FerroClara Maseda, directora da última das curtas, e Sandra González, creadora de Viva la Pepa, foron acompañadas pola resposta en vídeo da multiartista Rosalía GT nunha comunicación compartida, interesante dende moitos puntos de vista, a máis de reflexiva e peiteando un panorama amplo da actualidade artística en relación co rural.
    O espazo de intercambio estaba aberto, mais a continuación e pola ameaza de choiva, os concertos, a música, fíxose en cerrado. Catuxa Salom creou e acompañou o ritmo da xente nun reducido e cálido espazo, e abriu paso a Kornucopia ou Tapete, nunha segunda parte de actividades que foi de cultura musical e que volveu aglutinar dende o comezo á xente que cabía no local, mantendo o ambiente fóra del.
    Desas cousas das que pensas: recuncarei!

    Á espera de ligar un vídeo de JsmTux [Ligado a través de Lucía Ferro, en baixo do audio], boa parte da mesa redonda, pero non dende o comezo:


Catuxa, a primeira actuación musical

Un momento das proxeccións


Na charla/mesa redonda

Proxección


20240901

Na Veiga, escoitando e vendo

    31 de agosto sabado, e 1 de setembro, domingo, tivo lugar na Veiga unha nova edición de eco. Alí fun, escoitei e vin.

    O de ver, a exposicion no polideportivo, constituída por postos diversos de venda, algún de información,e, no tempo que estiven alí, practicamente baleiros de asistentes, ou sen o practicamente, pero non por iso menos interesantes, ó meu ver, que outros noutras ocasións repletos de xente.

    Sábado fun á hora da charla sobre comunidades enerxéticas. A asistencia de público foi tal que o mellor xeito de aproveitar o momento, unha vez pasada case media hora charlando con Diego Lago, o asesor encargado da charla, -é dicir, desfrutando dunha charla particular para min só- foi continuar, a proposta miña, facendo o mesmo arredor dun café con outra persoa máis que tamén estaba interesada na charla. Por suposto, tomei boa nota para ver de aproveitar as comunidades enerxéticas (minimo de 5 membros, radio máximo de subministro arredor da instalación de 2 m, custes de instalación aproximables a uns 1500 €/kW, subvención de 60 %, e moitas cousas máis que postas aquí non suplirían a explicación de Diego) así como do xeito de poñerme en contacto para que me asesoren. É dicir, unha hora en absoluto deaproveitada para min.

    O domingo asistín ó debate 'Presente y futuro del medio rural en Asturias', que deixo en baixo gravado, adxunto un par de fotos, e que ven reseñado cos participantes no folleto que tamén deixo en baixo. Como se trataba de autoridades (políticos rexionais, empresarios punteiros do sector leiteiro e dous representantes sindicais) estaba moderado por un periodista de La Nueva España, e todo moi ben artellado a partir do Foro Comunicación y Escuela -co seu director atento ó bó funcionamento-, tiveron que poñer máis cadeiras das inicialmente dispostas. Como está gravado, non insistirei nos temas tratados, pero si nun par de liñas xerais que observei: A charla matívose máis ben fóra dos límites do titulo que dentro, co sector leiteiro como centro e total indiferencia a outros temas que entendo deberan ser a base dese rural que hai na actualidade e que se pretende no futuro. Así, o conxunto de expositores (tamén fotos máis abaixo) que tiñas os postos a carón da charla e que viñan do rural (salvo, pode, un par de excepcións) non viron recolida a súa actividade, problemas, presente e futuro a máis dalgunha verba solta. Coido que houbo unha gran diferenza na calidade das actuacións das diferentes persoas da mesa, sendo as intervencións máis precisas as dos representantes do sector empresarial (mellor, o xefe de Reny-Picot, pero tamén ben o de CLAS), e logo a do conselleiro, mentras que a do representante da oposición deslizouse xa claramente ó lado negativo, que tivo por extremo os dous representantes sindicais. Por outra banda, o moderador deixou só dúas preguntas a un público que tiveramos feito máis, algúns tentando centrar o tema...