O Pazo de Cedofeita, dende fóra, a media festa. |
Dunha festiña
O último sábado de agosto andiven pola Cedofestiña, a segunda que se fai despois da inicial o pasado ano. Foi organizada polo colectivo ribadense Vacas Fracas no Pazo de Cedofeita. Unha boa festa nun entorno agradable.
Unha pequena festa cultural. Primeiro, festa, diversión amigable. Polo ambiente, case evento privado entre amigos, algo que o éxito de asistencia non deixou ser. Pero tamén, e de xeito inseparable, cultural, coa cultura como base, cine, tertulia, visita, música e música. Arte. E os subministros, claro, de bebida a comida pasando por camisetas. Aí estaban Inés, Andrés ou Andrea, e outros membros do colectivo traballando e coordinando, dende antes e ata despois. Unha festa relaxada en contraste coas festas para turistas ou mesmo para nativos turistificados. Ben, este ano. Tras o éxito, pregúntome se poderá en anos sucesivos seguir a manter ese carácter.
O espazo de acollida, o Pazo de Cedofeita, acomódase ó dito 'se ten capela, pombal e ciprés, pazo é'. E correspondendo co seu ser, brindou fermoso acubillo, lugar e edificio, para desenvolver as actividades, que comezaron precisamente pola visita ó pazo da man de César para coñecer o lugar. Terras e pombal, muro e patio, cociña, salón, habitacións, capela e torre, espazos de paso e almacén... Un lugar de onte, dende os séculos XV-XVI, valorado hoxe e aproveitado para (e que se aproveita de) esta festa. Unha festa-actividade que tamén pon en valor o espazo.
Antes mesmo de comezar, a charla entre amigos e coñecidos tomando algo do improvisado bar e tenda (en estancias próximas, mais separadas) acendeu a mecha do encontro e da celebración.
E viñeron as curtas, presentadas por Alba. A diversidade da xente asisten foi unha nota distintiva ós meus oos. Lixo, primeiro, Mañá, despois, e para rematar, A mirada delas, foron vistas polos asistentes no ateigado salón do pazo nunha tarde que ameazaba chuvia. E a seguir, no mesmo lugar, coloquio: mulleres, artistas, ribadenses. No lugar, a escritora Lucía Ferro, Clara Maseda, directora da última das curtas, e Sandra González, creadora de Viva la Pepa, foron acompañadas pola resposta en vídeo da multiartista Rosalía GT nunha comunicación compartida, interesante dende moitos puntos de vista, a máis de reflexiva e peiteando un panorama amplo da actualidade artística en relación co rural.
O espazo de intercambio estaba aberto, mais a continuación e pola ameaza de choiva, os concertos, a música, fíxose en cerrado. Catuxa Salom creou e acompañou o ritmo da xente nun reducido e cálido espazo, e abriu paso a Kornucopia ou Tapete, nunha segunda parte de actividades que foi de cultura musical e que volveu aglutinar dende o comezo á xente que cabía no local, mantendo o ambiente fóra del.
Desas cousas das que pensas: recuncarei!
Á espera de ligar un vídeo de JsmTux [Ligado a través de Lucía Ferro, en baixo do audio], boa parte da mesa redonda, pero non dende o comezo:
Catuxa, a primeira actuación musical |
Un momento das proxeccións |
Na charla/mesa redonda |
Proxección |
Ningún comentario:
Publicar un comentario