Un ano de paz
Onde? Pode que te faga preguntar o titular. A nivel internacional, calquera negaría a afirmación referida ó último ano. Mais o título alude á petición, idea e querencia, dos asistentes ás convocatorias que se están levando a cabo en Ribadeo dende o comezo da invasión da Ucraína, e sen interrupción, os domingos, semana tras semana, dende o 7 de outubro do 2023 no que outra guerra veu tapar nos medios á anterior 'defendida por occidente'.
Pode que o título a alguén lle faga lembrar os '"xxx" anos de paz' que querían servir de propaganda franquista tras impoñer unha disciplina de paz, que non unha imposible paz imposta. Ou a 'pax romana', aquel período no que o imperio romano era tan poderoso que calquera conflito nas súas fronteiras ou interior podía ser ninguneado e os habitantes do imperio ter a sensación de paz. Pero non, non é iso. Non se trata de revivir unha nostalxia de impoñer a paz pola guerra... que ó fin e en teoría é o que se pretendería en calquera guerra que se poda nomear na actualidade. Por exemplo, no exterminio que comezou hai un ano, espoleado por Hamás e levado a cabo polo estado de Israel baixo o mando de Netanyahu. Nel, nese exemplo, cun exército isrelí vitorioso, a paz cada día está máis lonxe.
Dito o dito, cando leas isto, xa se terá cumprido un ano de guerra en Palestina, se chamas sinxelamente guerra á destrución, asasinatos e xenocidio producido por e nas marxes de Israel e decretado polo 'emperador' Netanyahu co aparentemente incomprensible apoio dos USA, pero non tan só.
Xenocidio, intereses armamentísticos e de poder en xeral, necesidade de construír a paz empregando esa verba, paz, en troques de dicir 'non á guerra'... foron algúns dos temas da última xuntanza pola paz que se mantivo en Ribadeo. Non se tratou a supervivencia propia no medio dun mundo en guerra... Claro que non é o mesmo falar desa supervivencia podendo volver a un fogar acomodado de Europa ou Norteamérica que se tiveras que retornar a outro de Gaza xa inexistente de xeito físico, ou ó límite en Sudán. Tampouco se falou de estados que, intereses mediante, son xuíz e parte, que ameazan a un dos contrincantes mentres piden contención ó outro despois de terlla pedido unhas cantas veces máis e ver outras tantas como é sobrepasado o límite da contención pedida. Non, non se falou dos Estados Unidos de América nese sentido, senón só como subministrador de armas ó tempo que lle piden ós máis que non as usen... Si, quedaron moitos temas, as guerras son complexas e nós, cidadáns sen tempo nin recursos para responder dun xeito adecuado. Sinxelamente, téntase.
Mentres, o mundo vai cambiando, e xa podes elixir á China como alternativa. Ó fin, ós poucos xa se foi situando como potencia á altura dos EE.UU.A. Non sabemos se van ser mellores ou peores como imperio. Non digo 'bos' ou 'malos', de pronto, non son 'demócratas'!. Haberá que experimentar, e mentres, tentar rular... Coma sempre.
Ningún comentario:
Publicar un comentario