20241004

Un Chío de festas


    Un mes mais, a edición de Chío xa está dispoñible na rede. Este mes, dirixida de novo por Melina López, con verbas de Lucía Ferro ou as festas do San Froilán de fondo e foto de portada. Como outros meses, deixo a ligazón á revista, para ler en rede ou descargar, e aquí en baixo a miña colaboración (en .jpg e texto web):




Festa!. Na terra das festas, só fai falta o primeiro chío

    Comeza por un chío, e pronto, de xeito inmediato, podes estar envolto en chíos de paxaros da mesma bandada. Comezas a falar de festas, e moitas veces, é como se xa estiveras nelas, como se xa estiveras de festa, mergullado no medio da ledicia festeira. Unha sensación agradable que anima. Non sempre é así. Hai outras veces que por calquera razón te dis que oxalá pasara xa a dichosa festa (coñezo a xente abonda que lle pasa coas festas do Nadal, que manteñen con ela unha relación de amor-odio) ou, sinxelamente, que te preguntas que sentido ten unha festa determinada, soen ser festas que non viviches de novo, sentido que soe rematar sendo o de atraer visitas ó pobo para gañar cartos.

    Por outra banda, é xa case un tópico dicir 'as festas xa non son o que foron', a medio camiño entre o manriqueño 'cualquiera tiempo pasado fue mejor' e a nostalxia dos tempos de cando a xente que o di era máis nova. Algo potenciado pola abundancia relativa dos tempos presentes fronte a outros anteriores, onde a máis de menos recursos, as festas eran 'o' recurso onde se condensaba o entretemento. Hoxe en día, nos pobos da costa, non é que haxa festas no verán, senón máis ben que o verán e festa: a máis das tradicionais (o Carme, patronais...), sumáronselle outras novidades festeiras, as de época (indianos en Ribadeo, normanda en Foz, renacentista en Viveiro, Medieval en Mondoñedo...), as de exaltación dunha ou outra comida (comezaron por cousas como o percebe en Rinlo, pero xa pasaron da tortilla e andan polo ovo fritido...), os festivais de música (o Resu, si, pero a día de hoxe, varios en cada pobo)... Haberá xente que lembre aquela canción que dicía 'esta noche hay una fiesta'; a idea pódese trasladar na Mariña hoxe a todo o verán 'e máis aló'. Retomando o título, hoxe o primeiro chío, a primeira chamada á festa, xa está dada, sempre, e as festas encadéanse no tempo cara ó futuro.

    Hai xa tempo (2002), un centro de medias de Ribadeo (IES Porta da Auga), nun proxecto europeo (Festpop), fixo un estudo sobre as festas da zona, publicado co nome de 'As festas populares no entorno ribadense''. Máis de dous decenios despois, retomo de xeito moi breve algunha das (ideas e festas) alí tratadas en comparanza coa actualidade, xunto con algunha outra de doutros lugares da zona, e así, comezo por lembrar un artigo aparecido no 2007 no libro das festas do Carme de Ribadeo, no que Antón Álvarez Sousa titulaba: 'A festa do Carme, de patroa dos mariñeiros a festa turística. Unha chamada á reflexión'. O título é ilustrativo abondo, mesmo fai de máis o que expón en baixo del.

    Outra fonte de curiosidade pola súa evolución son os pregóns do antroido ribadense, algúns accesibles en https://gl.wikisource.org/wiki/Pregóns_Antroido_Ribadeo. Eses seis pregóns alí subidos, que abranguen un período de dez anos, presentan dun xeito lateral o avance, mellor, o cambio, nas festas do antroido ribadense. E dende aquela seguiron a variar, claro! Non exactamente como tentei prever no pregón do ano 1997, pero o certo é que tampouco de xeito tan diferente, como no nacemento de novas máscaras, o uso incrementado da electrónica ou a incógnita da resistencia dunha festa como o antroido fronte á perda da inocencia que medra polo uso de internet.

    Falaba na introdución do libro citado de achegar a 'esencia das festas populares' ás novas xeracións. E é que, sexa filtrada ou non a realidade polo tempo de vida e nacemento de cada quen, o certo é que todos temos consciencia (ás veces, mesmo rebelándonos contra ela) de que o entendemento do mundo vai variando de xeración en xeración como o fai de individuo en individuo. Pois ben, sinxelamente, as festas non son a excepción a ese cambio de percepción. O que significaron para outra xeración anterior xa non o significa, en termos xerais, para a actual. Nin na Mariña nin en ningures.



    Tamén falaba de que as festas son parte integrante da idiosincrasia dun pobo, que non se debe borrar da conciencia popular. E cada vez máis e cada vez menos. Cada vez menos pola interconexión mediática, que nos permite asomar ós xeitos doutros pobos, e, se cadra, copialos. Cada vez máis porque as festas salientan máis entre os últimos recunchos nos que queda o extra de cada pobo.
    Xente, motivo, lugar. Eras tres das premisas básicas que, poñía, toda festa necesita. Que fai toda festa. Pero tamén fai falla organizalas. E hoxe, as comisións de festexos teñen dificultades de renovación por diversos motivos. Dende aqueles lugares nos que sinxelamente non hai xente nova abondo, ós outros nos que as institucións queren facer e desfacer, e usar ó seu antollo as festas, para o que manteñen a comisión nomeada e secuestrada, pasando polos lugares onde as festas son, de moitos xeitos posibles, privatizadas. Ou un conxunto de todo o dito.
    'Cando tratamos de comparar unhas festas con outras, para mostrar o que teñen en común e o seu feito diferencial, o que estamos é poñendo a énfase na cultura do pobo, os medios dos que dispón, o seu xeito de ve-la vida...'. As anteriores son verbas sacadas do capítulo 'Un achegamento ás festas do pobo en Galicia' dese libriño de hai máis de vinte anos. E a cultura do noso pobo, os medios dispoñibles ou o seu xeito de ver a vida cambiou e está a cambiar. Este artigo comeza coa foto duns fogos de artificio sobre a ría de Ribadeo, algo que é popular nas festas tradicionais, e remata con outra de algo que xa é tradicional e que ten variado o sentido das festas dende pequenos, as diversións de pago. Nesa evolución, coa multitude de festas na Mariña, das San Lucas á Maruxaina, pasando polas festas de San Roque ou a romaría de Santa Cruz, cada unha segue a ter o seu aquel, tentando rexeitar o afán unificador da ledicia a nivel mundial, mais unificando as nosas xentes nesa ledicia.


Ningún comentario: