20241010

XXI Mostra de teatro Daniel Cortezón

    
    Esta fin de semana (venres 11 a domingo 13 de outubro) , ás oito da tarde, no auditorio Hernán Naval de Ribadeo terá lugar a XXI Mostra de teatro Daniel Cortezón.

    O Grupo de Teatro de Ribadeo é o anfitrión desta cita, que contará tamén coa participación do grupo 57 Palabras (Viveiro), e de Rebuldeira Teatro (Sarria). As funcións serán no auditorio municipal ás 20.00 horas os días e a entrada terá un prezo de 3 euros”.

    O venres, o grupo 57 Palabras representa dúas pequenas obras: 'Orde e matrimonio' e 'Entre nosoutras'. 57 Palabras é un grupo de recente creación, que xorde sobre todo coa intención de facer teatro en galego para entreter. Está formado por actrices e actores cun amplo percorrido no mundo escénico e audiovisual.

    O sábado, Rebuldeira Teatro representará 'Cita previa (Historias disparatadas nas consultas médicas)'. Esta formación de Sarria naceu no 2011. Está formado por alumnado e ex alumnado da aula de formación teatral creada no propio concello. Na actualidade está formada por actores e actrices con idades que van dos 28 anos ata a xubilación. Na súa andaina, chegaron a actuar por toda Galicia e mesmo fóra dela en colaboración cos Centros Galegos de Barakaldo e Barcelona.

    O domingo, o Grupo de Teatro de Ribadeo porá en escena 'El rigor de las desdichas', do poeta nacional uruguaio nacido en Ribadeo, José Alonso Trelles, El Viejo Pancho. É unha comedia lixeira en verso arredor da relación entre o amor e os cartos. Formou parte da recente homenaxe que o Concello de Ribadeo lle organizou ao autor con motivo do centenario do seu falecemento. O Grupo de Teatro de Ribadeo naceu tamén dunha aula de teatro que o Concello puxo en marcha en marzo de 2007. Dende daquela combina as súas propias montaxes independentes coas vinculadas a eventos do Concello como o Ribadeo Indiano ou o Ribadeo Ilustrado”.


Mati, impulsora, e Begoña, concelleira.


 

Ningún comentario: