“CREPITANTES”
Este benintencionado proxecto experimental principiou hai xa sete anos por iniciativa da polifacética artista viguesa Elisa González García cando contaba con só 26 anos. A súa intención era plasmar plasticamente as súas experiencias persoais (para lembrar ou esquecer, que de todo houbo) coa fibrose quística, unha doenza dexenerativa e incurábel que afecta especialmente os pulmóns e que sofre desde que era ben cativa.
Hoxe, grazas a internet e ás redes sociais e nomeadamente ao seu perfil en Instagram @crepitantes, milleiros de persoas do mundo enteiro comparten os seus medos e as súas esperanzas, os seus bos momentos e as súas desgrazas. O nome escolleito ten que ver co característico ruido que fan os pulmóns lesionados, semellante ao crepitar do lume, ao despegar un velcro, ao de inxerir un grolo ou ao de remexer o xeo.
Así, a incómoda mucosidade típica da súa sintomatoloxía rematou convertida nunha graciosa ilustración colorista dunha tenra criatura de ficción con vida propia chea de amabilidade e de sentido do humor para humanizar a xeito de (auto)terapia a evolución das súas diferentes fases, moitas veces difíciles de aturar e narrar. Esta idea estivo baseada na doutros doentes doutras graves patoloxías que tamén quixeron facer partícipes os demais do que lles acontecía como foi o caso de Pepe Espaliu e Félix González Torres coa sida ou de Josune Urrutia e Miguel Gallardo co cancro.
En 2021, a propia Elisa explicou no Congreso dos Deputados as urxentes e custosas necesidades sanitarias dos afectados, moitas veces orfos de coidados polo desleixo do sistema de saúde ou polo desmoralizante procedemento burocrático. Recentemente, todo este seu inxente e singular traballo foi premiado pola fundación María José Jove como exemplo de compromiso, loita, resiliencia e valentía dos implicados.
Ningún comentario:
Publicar un comentario