20241118

Detrás das institucións

Angrois. Xosema, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=27420563

Detrás das institucións

    Literalmente, os cidadáns estamos detrás das institucións. E en varios sentidos. Somos quen votamos e polo tanto, temos algo que dicir para poñer ou sacar xente, formas de facer, ou leis. Somos quen nos beneficiamos ou sufrimos as súas decisións e a aplicación das mesmas. Somos, en fin, quen debemos, como 'propietarios' e como 'clientes' segundo a faceta das dúas anteriores que apliquemos, repito, como propietarios ou como clientes das mesmas, quen podemos reclamar ou esixir cambios e turrar ata conseguilos para que as institucións cumpran a súa función, para crear novas (aínda que ese sería un segundo paso, por tras de facer que as que hai funcionen) ou desfacernos das inoperantes ou inconvenientes.

    Hai moitos exemplos que se poderían dar. De feito, varios por cada institución segundo a época de vida que estea a pasar cada unha. Pero en calquera caso está claro que correspóndenos a nós, como cidadáns, loitar por -e se é necesario, contra- as institucións. A nós corresponde facerlles un seguimento, máis aló dos mecanismos que se supón deberan levalo a cabo de xeito interno a elas mesmas. Sexa un goberno, local, provincial, autonómico ou estatal, un servizo -sanitario, de ensino, xudicial, ...- ou mesmo un dos chamados chiringuitos para externalizar funcións de gobernación e xestión, como Portos de Galicia ou Puertos del Estado, entre outros moitos. E, despois dese seguimento, actuar.

    Claro que, cadaquén ten as súas cousas, as súas vidas, e ninguén anda sobrado de tempo para facelo. Isto é, o facer o seguimento e conseguir un funcionamento adecuado require un esforzo da cidadanía, que de calquera xeito en xeral non chegará a controlar nin sequera que debera abranguer ese control. Pero hai que facelo na medida do posible. Para poder desfrutar unha información adecuada -léase 'o que está a pasar na TVG', para evitar situacións de perigo -agora resulta que o fiscal pide a retirada de pena ós cargos de ADIF polo caso de Angrois-, para cumprir a xustiza medioambiental -múltiples desleixamentos e agresións na costa, como no caso da illa Pancha, por non falar da ocupación de zonas indables e cambio climático-, para reclamar saúde pública -chega cos máis de sete mil mortos nas residencias de Madrid no COVID-, para o adecuado coidado dos nosos maiores na residencia máis próxima, ou outros moitos casos e situacións. Un cidadán ou cidadá se fíe ou non do sistema, que pase das situacións, non é cidadán, senón súbdito do sistema. Sexa cal sexa ese sistema, político, social ou económico.

    Todo o anterior sen esquecer que, fóra das institucións, hai casos flagrantes de incumprimentos por parte privada que se benefician da disfunción institucional. 

2 comentarios:

Anónimo dixo...

para min os responsabeis de angrois seguen sendo pepe blanco ana pastor e os seus seguidores, nunca o maquinista

agremon dixo...

Si, a retirada de cargos pedida sería para os xefes, non para o maquinista.