Deixo en baixo unha publicación do pasado fin de semana na Comarca. Gustoume, pedínlla a autora e aquí está:
MANDA TRUCO... CO TRATO!
Que afección tan desmedida temos neste país noso de adoptar con agarimo todo o que vén de fóra con menoscabo do propio.
Descoñecemos e deixamos que esmorezan as nosas tradicións para acollermos costumes que non son nosos, totalmente alleos á nosa cultura e que nos atraen con esaxerado entusiasmo.
Remitámonos ao nº 5457 de “La Comarca del Eo”, de data 2 de novembro pasado, no que Acisa se gaba do grande éxito que estivo a ter unha das súas iniciativas que animou as crianzas de tres a nove anos a se disfrazaren de “monstruítos de Jalogüín” que se dedicaron a visitar diversas tendas do comercio local retando á clientela co famoso “¿Truco o trato?”.
Parece ser que na idea colaborou tamén unha academia de inglés e ámbalas dúas entidades tiñan como obxectivo “que pasasen unhas horas diferentes” ao tempo de conciencialos dende a infancia como futuros compradores optando polos negocios locais.
Manda truco, pero sentíndoo moito, non hai trato. Vai ser que non, polo menos para algúns de nós.
Os irlandeses que exportaron a súa festividade estarán a se preguntar aínda hoxe polo motivo do seu éxito sen teren que poñer esforzo ningún en acadar que un pobo coma o noso esqueza que ten unha tradición de seu chamada Samaín.
As multinacionais do consumismo xa se están encargando de que os pobos esquezan o que os identifica, de ergueren xenreira sobre daquilo no que foron criados, para formaren consumistas que respondan aos seus intereses.
Porque, miñas donas e meus señores, o coñecemento e a cultura están pasando a mellor vida. A fase de aculturización que estamos vivindo é do máis agresiva e ninguén parece decatarse do moito que se está a perder polo camiño.
Hai poucos días, de volta á casa e á anoitecida, polas Catro Calles da nosa vila pululaban numerosos grupos de nenos a nenas disfrazados de Halloween. Entraban nas tendas berrando dende as portas: --“¿TRUCO O TRATO?”. Só lles faltaba formular a pregunta en inglés (“Treat or trick?”) e a reconversión ao alleo sería total.
Curioso é que, cando chega o tempo de Entroido, apenas se ve picarada ou adolescentes vestidos de mascaritas. O abandono do propio substituído polo de fóra é o que impera. Pero isto non é o peor. O máis triste é o descoñecemento, a desinformación e, en casos, o desprezo máis absoluto polo noso.
A moda maniática de lles poñer nomes en inglés ás tendas é outra teima. A que público van dirixidas mensaxes coma “Bakery and coffee. Keep calm and eat chocolate”, “This is a bad place for a diet”? Que se pretende? Paletada, postureo, alleamento, que o público comprenda este código? Cando se nos anima a “Coffee to go”, traducido como “Llévame a casa” é sinxelo preguntarse onde aprendeu o idioma quen rotulou iso nun escaparate dun local comercial.
Non vos riades, porque o conto é triste (Castelao dixit).
Cando escoito un cativo ou cativiña contestarlle en galego a súa nai, volvo a cabeza sorprendida, como se estivese oíndo coreano. Algo xa tan pouco usual que custa traballo dixerir. Admitir que, en tan poucos anos, se conseguise este desapego polo noso dá moito que pensar. Dá mágoa e xenreira.
Ningún comentario:
Publicar un comentario