20241104

Música! Un Chío por novembro

    Xa saíu do prelo o Chío de novembro. Algo que podes ver dende a súa web, https://www.chío.com/, ou directamente descargando o número 34 de Chío. Ó teu gusto!

    E, como de costume, deixo en baixo a miña colaboración a este número en dous formatos:



    O texto, e as fotos:

Lugar, tempo, sentimento: música. A música en Ribadeo é algo máis ca un chío

Dicir música en Ribadeo representa algo máis ca o sinxelo significado da verba nun dicionario. Nel, ó fin, é unha palabra entre outras moitas, coma outra calquera. E é que neste lugar norleste do noroeste (que é único, pero non o único no que pasa) ó significado xenérico engádeselle un sentir de tradición sonora que non ten sido estático ó longo do tempo, senón con historia, dinámico e, por comparación coa verba anterior, en ocasións tamén podemos engadir, extático.

Moitos lugares de Ribadeo evocan música. Sexa a imaxe do templete da música, no lugar central do Parque de San Francisco, da ilusionante de inicio pero decaída despois Praza da Música, do Auditorio Hernán Naval (sexa por dentro ou por fóra), ou un entorno interior con motivo de dar acubillo a un cartel dunha actuación, ou lembranzas diversas en moitos formatos diferentes… Música.

Así, tamén, a máis dos rexistros sonoros dixitais das múltiples actuacións de todo tipo que hoxe se poden atopar, a aparición de libros sobre a música e músicos en Ribadeo, de non ter vivida a experiencia aquí pode dar algunha orientación e ten marcados varios fitos nos últimos decenios. Eiquí varios exemplos:

- “Libro do 5º aniversario” da presentación da Banda de Música Municipal de Ribadeo, de mans da Asociación Amadores da Música (1996). Representa un repaso a moitas voces á renovación do escenario musical ribadense baixo a batuta de Hernán Naval perto xa a rematar o século XX, ó tempo que unha tentativa de aproximación ó significado desa renovación e unha manifestación do impulso popular da/na música no/do pobo.

- “Vou canso de todo menos da música”, unha curta, coidada e merecida homenaxe coral a Hernán Naval, que dirixiu esa renovación, un decenio despois do seu pasamento, manifestando querencia e ledicia musical.

- Os libros de Carlos Álvarez Lebredo -maiormente en torno á figura do seu pai, Carlos Álvarez Fernandez Cid-, quen aportando multitude de datos tenta dar unha imaxe do desenvolvemento musical ribadense ó seu arredor en boa parte do século XX, pero non só.

Doutro xeito, “A banda de música como realidade pluridimensional”, de Antonio Díaz Amor, “Pola Modernización”, de Hernán Naval, ou “Os músicos das bandas”, asinado por min, son algúns dos traballos presentados -unha reflexión, unha visión de futuro e un pequeno estudo- ó Congreso de Bandas de Música Populares de Galiza, celebrado en Ribadeo en novembro do 1994. Unha actividade que marcou un fito cara a comprensión da concepción dese tipo de agrupacións na nosa terra. E foi en Ribadeo, unha vila que serviu de aglutinante do movemento de bandas de música en Galicia naquel momento. As actas foron editadas algúns meses despois; mágoa que entre as bibliotecas, só estean dispoñibles un par de exemplares na biblioteca de Ribadeo, o que limita a súa influencia futura.

De calquera xeito, eses libros, de carácter ben diverso e estendidos na súa aparición no tempo, deixan notar eivas porque un libro non pode chegar a todo lugar, está limitado, e máis se tentamos chegar tanto ó son como á sensación que a música produce nun pobo. Ó fin, poden considerarse unha imaxe dunha historia Sonora, un cadro, sempre imperfecto, que tenta aproximar esa historia.

Volvendo ó comezo, a cultura musical en Ribadeo, nas súas xentes, adquiriuse ó longo do século XX por transpiración máis que por estudos regulados, a través de actos culturais, funcións musicais, representacións nas que interviña a música... Ben a través da contemplación como espectadores como moitas veces integrándose nun grupo como a citada banda ou unha das súas versións/etapas anteriores, ou na coral polifónica ribadense en calquera momento da súa xa longa traxectoria baixo a batuta do seu fundador Carlos Álvarez ou a súa sucesora Mª Carmen Rodríguez Cancelo. Ou coa integración en calquera outra formación da miríada doutras agrupacións con menor participación e/ou duración máis curta, pero moita máis diversidade, das “Meniñas da saudade” a grupos de Jazz, da música pop ás xuntanzas para animación das noites de verán coa rondalla, esta última, entre os grupos animados por outra das persoas con nome propio na música ribadense das últimas décadas, Víctor Manuel Sanjurjo Láncara, Choupín.

 

Estamos xa no século XXI. Amadores da música foi pioneira na organización dos campamentos musicais de verán para xente nova e seguen aparecendo formacións musicais.

Mesmo lugar, novos tempos... Seguimos.

Ningún comentario: