20241117

“Non mires á balsa de ALCOA”. Iván Rodríguez Lombardero

Unha curiosidade: a balsa, en Google Maps, aparece da mesma cor que a auga... (captura de Google Maps)

“Non mires á balsa de ALCOA

O pasado 11 de outubro a Xunta de Galicia publicou unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable para o recrecemento da balsa de lodos vermellos de Alcoa. Unha DIA “singular”, como denuncian ADEGA, Ecoloxistas ou Petón do Lobo, que no seu primeiro apartado inclúe un texto literal que deixo ó seu xuízo:

“A avaliación non inclúe os aspectos de seguridade das instalacións, estabilidade xeotécnica, de seguridade e saúde no traballo, de minería, estradas e outros que posúan normativa reguladora e instrumentos específicos e se atopan fóra do alcance da avaliación ambiental, nin todo aquilo que se atopa fóra das cotas (100msnm-104msnm) nas que se pretende a execución do proxecto, nin das canteiras ou zonas de extracción de áridos e pedra, nin os que se deriven da caracterización dos barros a depositar nin dos plans de emerxencias interiores e exteriores”.

É dicir, que adiante. Non temos claro se caerá todo, se vai ser seguro para o persoal, se se vai restaurar ou non, se os viais van ser empregados de acordo coa norma, pero polo tema “ambiental”, adiante. Semella que as asinantes non queren a responsabilidade de aprobar por urxencias políticas un proxecto con tantos aspectos pendentes de aclaración. Un exemplo: durante o trámite ambiental o departamento de Saúde Pública caracterizou os lodos como irritantes e corrosivos, e polo tanto perigosos, o que podería modificar os informes previamente remitidos polos restantes departamentos consultados…

Pese a resolución favorable, abondan no texto as condicionais e as dúbidas, entre as cales a unha semana da catástrofe da DINA en Valencia debemos salientar este parágrafo sobre o informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior:

“Revisada a documentación en relación coa avaliación dos efectos derivados da vulnerabilidade do proxecto ante riscos de accidentes graves ou catástrofes que incidan no proxecto, se estima que son elevados, e polo tanto o promotor do proxecto ten que modificar o Plan de Emerxencia Interior para adaptarse ás novas características do depósito, que será o documento de referencia para a actualización e revisión do Plan de Emerxencia Exterior”.

Adiante, pese ó elevado risco. Cal é o risco dunha balsa de lodos? A licuefacción dos mesmos debido a fortes precipitacións, que poidan converter a terra en lama e provocar a caída dese depósito de 100 metros de altura (33 pisos!!). Agarrarémonos neste momento de crise climática -onde está a suceder seguido o nunca antes visto- ao “malo será que chova tanto, verdade”? Pois si, agarrámonos. Adiante.

Como xeólogo teño claro que se non se desmonta antes a balsa de lodos vermellos vai caer antes ou despois. Se non é por un evento catastrófico hoxe será pola falla de mantemento despois de pechar Alcoa ou -o máis frecuente- por unha mestura de ámbalas dúas cousas: un evento excepcional tras un mantemento deficiente. E aquí pasamos a outro interesante debate aberto neste caso pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que informa:

“O proxecto non ten en conta no deseño un sistema que sexa independente dun mantemento activo sine die para garantir a ausencia de impactos unha vez clausurado e abandonada a actividade e o seguimento” e estima que “debe incorporar un deseño que garanta que os impactos, ordinarios ou accidentais, ao longo do tempo, non teñan posibilidade de acontecer, xerando un sistema que non sexa dependente de actuacións antrópicas de maneira indefinida para a súa viabilidade”.

O Rei Espido, finalmente! Recoñece que se dá vía libre a un proxecto que requirirá dun mantemento permanente durante séculos sen concretar quen vai asumilo (un custe que se cadra suporía a inviabilidade económica da factoría). Quen pagará esa factura sine die? Como garantir o seu cobro? Estamos a telo en conta cando falamos do beneficio de ter ALCOA na nosa comarca? Mais… ningún problema! A propia DIA resolve o asunto coa encarga de presentar un proxecto de clausura e restauración definitiva da balsa… (Pero hoxe non: mañá!)

“Fase de abandono da actividade: Remitirase ao órgano substantivo, no prazo de un (1) ano previa a finalización da vida útil das instalacións o proxecto de selado, clausura e rehabilitación das mesmas xunto co pertinente EsIA.”

En fin, que xa buscaremos a tixola cando rompamos os ovos. Adiante cun proxecto sen garantía de estabilidade nin seguridade nin plan de restauración nin plan de emerxencia. Unha decisión política da que o propio persoal técnico non semella querer responsabilizarse mentres todas cruzamos os dedos porque non pase nada. Seguimos sen querer mirar arriba, pero debéramos mirar cando menos a Valencia.

Análise elaborada por Iván Rodríguez Lombardero, coordenador do SLG en Lourenzá (A Mariña, Lugo). Xeólogo ambiental, doutor pola Universidad Politécnica de Madrid (E.T.S. de Enxeñeiros de Montes), especialista en avaliación ambiental de actividades e planificación física.

Ningún comentario: