Hai pouco tiven ocasión de viaxar en AVE. Para alguén de pobo (parece que ata ten diferente sentido ó castelán 'de pueblo') que di ir en tren a usar de xeito esporádico o FEVE, iso de ter unha pantalla en fronte marcando que vas a 300 km/h, que corroboras co paso dos campos á beira, é un choque mental. Iso de comprobar que un tren, a unha hora pouco apetecible, un día 'normal' de semana vai cunha ocupación alta das súas 510 prazas, fronte ó baleiro do vagón automotor único que recorre ás veces ás vías de FEVE, tamén.
Escáner, varias persoas atendendo na entrada da estación, gardas de seguridade... calculo que a viaxe duns 400 km que fixen, pouco máis de 3 h, recadou uns 12 000 €. Mentres, no FEVE, as dúas persoas no tren, cando hai alguén que revise os billetes e os cobre), a cousa queda un par de ordes de magnitude por baixo para un recorrido de máis de dobre do tempo. Iso si, a ollo, os custes de construción, operación e mantemento presentan unha escala se non semellante, ao menos tamén de diferente orde.
Ver pasar os pobos dá unha sensación de tránsito, de algo pasaxeiro, redundando no sentirse un mesmo iso, pasaxeiro. Pero, ó tempo, dá lugar á reflexión sobre o illamento dos pobos e lugares ó pé dunha rede que une os grandes núcleos urbanos, mais discrimina, invisibiliza mentalmente e axuda a baleirar os pobos. Tárdase máis entre as estacións de Ribadeo e Oviedo, 100 km en liña recta, que entre a de Oviedo e Madrid (Clara Campoamor, a antiga Chamartín), case catro veces máis en liña recta. É certo que a orografía vai cambiando, pero non xustifica nin con moito a diferencia.
E, mentres os pobos esmorecen, hai quen se pregunta por que. A pregunta non soe facerse no sentido de por que se impoñen as condicións para ese esmorecemento. Non, senón por que o fan, por que esmorecen, de xeito illado desas condicións. Como se esmorecer fora unha opción elixida, unha opción tomada por vagancia, 'porque os pobos merecen o que lles pasa', e así, claro, como non lles vai pasar? É dicir, unha versión a 'nivel pobo' das acusacións que se fan a nivel individual (por moi xenéricas que sexan), a 'nivel xente' de cada quen ten o que se merece. Como se as condicións impostas externamente non contaran, como se foran realidades sen conexión.
E, mentres, de xeito literal, o tren non para. O progreso non para. Ou os progresos, que a concepción, desenvolvemento e idea de progreso pode ser moi diferente segundo as persoas. E os pobos quedan sen estación, a modo da chafada comitiva de benvida na película 'Bienvenido, Mr. Marshall', aquela que só recibía dos moi esperados norteamericanos o pó do paso dos seus automóbiles.
-
Unha nota final por se fai falta aclaración: non importa que estea a favor ou en contra do AVE como tecnoloxía; por exemplo, consume máis recursos que o FEVE, pero menos que o avión. Sinxelamente, a cousa é así.
Ningún comentario:
Publicar un comentario