O gráfico aue deixo arriba está tomado de https://www.eldiario.es/economia/atlas-renta-exito-colaboracion-ine-hacienda_129_11830617.html, e foi publicado con licenza https://creativecommons.org/licenses/by-nc/4.0/deed.es que permite reproducilo aquí. E tamén facer algún amaño sobre el. Deixo en baixo o amaño e paso a un pequeno comentario:
Como se ve, a Comunidade de Madrid pasa ó primeiro posto en renda media, mentres cae ó terceiro en renda mediana e no limiar de pobreza. Só Cataluña amosa algo semellante, se ben en moita menor escala. A cousa é o seu significado. A renda media é coller a renda total e dividila entre a poboación. É dicir, se nunha poboación de 100 persoas unha gaña 10 000 000 € ó ano e os outros 99 sobreviven como poden con 1000 €, a renda media sería aínda superior ós 100 000 €.
Outra cousa é a renda mediana. Isto é, a renda que ten quen ten tanta xente que gaña máis como que gaña menos ca el. No caso anterior, esa renda sería de 1000 €. Coido que a diferencia entre ambos datos pode ser significativa, como no exemplo.
Pódese ver que mentres a 'renda media' indicaría a riqueza xeral como ganancia por soldo ou rendementos do capital, a renda mediana daría unha idea da riqueza dunha persoa calquera collida ó chou. Esta segunda sempre será menor: as rendas máis altas levan unha maior tallada da riqueza total, co que queda menos a distribuír entre a xente de a pé, que constitúe a maioría e onde cadra o individuo de renda mediana.
No gráfico vese que hai unha certa proporcionalidade nas diversas comunidades entre ambas rendas, pero no caso conreto de Madrid a diferenza dispárase. Significado? As rendas moi altas están máis concentradas na capital do estado, en parte polas miores oportunidades que oferta a capital para os negocios co propio estado, en parte polo desarme fiscal desa comunidade, que remata en 'dumping', en trato de favor ás rendas altas que pagamos o resto da xente e das comunidades. Ó fin, unha fenda que incrementa o efecto colonial da capital sobre o resto dos territorios, en particular, dos máis afastados e con menor poder.
Non, non é só un detalle nun gráfico...
Ningún comentario:
Publicar un comentario