20241125

Un 25N máis en Ribadeo

    Hoxe 25N foi a concentración anual pedindo parar a violencia machista. Nada máis que dicir. Deixo unhas poucas fotos, de Suso Fernández as do propio acto, e de Dores Abel da ambientación da praza do 8M onde se celebrou, e o texto lido, a versión galega dun texto a nivel internacional da Marcha Mundial das Mulleres:








25N | MANIFESTO 

No Día Internacional contra a violencia machista a Marcha Mundial das Mulleres quere colocar o foco na multitude de formas que toma a violencia machista e que ten como resultado máis terríbel o feminicidio. 

O feminismo organizado leva décadas denunciando os crimes machistas como máxima expresión da violencia machista, mais esta violencia toma numerosas formas que tecen unha rede de opresión sobre as mulleres, nomeadamente as de clase traballadora, que cómpre enfrontar en todas as súas dimensións para avanzar na transformación social e na construción dunha sociedade xusta e feminista. 

A maior parte das agresións non teñen lugar en espazos alleos ao cotiá senón nos entornos máis próximos: familia, lecer, traballo, ensino, espazos de participación social e política. E son estos espazos onde é máis difícil enfrontala e combatela. 

Fronte ao avance do movemento feminista colocando no debate público a centralidade do combate da violencia machista para a transformación social existe unha reacción da dereita e dos sectores máis reaccionarios da sociedade de negación da violencia machista. Esta posición avanza na destrución de conquistas como o consenso social sobre a necesidade dunha educación en igualdade nunha sociedade activa no combate da discriminación e a violencia machista. 

Desaparición das políticas públicas. 

Despóis dunha década de conquistas en materia de dereitos para as mulleres, a crise capitalista que enfrontamos co desmantelamento do público como ariete trae consigo o abandono das políticas públicas de prevención, detección, acompañamento e sensibilización fronte á violencia. Hai un número cada vez maior de institucións que recortan programas e iniciativas para loitar contra a violencia machista. 

Normalización da violencia 

Na última década o feminismo colocou nun espazo central da vida pública a denuncia dos feminicidios e das agresións machistas. Hoxe asistimos á normalización desta violencia extrema contra as mulleres onde a reacción social se limita a continuar o reconto de asasinatos sen mover nada da axenda pública. Malia que o feminismo convoca en ducias de localidades do país unha resposta contundente a cada crime a participación social é escasa e as institucións empregan a mobilización social para “cumplir” mentres desmantelan as súas políticas de igualdade. 

Agresións e debate social. 

Despóis da vaga mobilizadora que o feminismo reimpulsou en 2018 os debates sobre a violencia machista, especialmente a sexual, ocupan parte do debate público o que permite visibilizar que a violencia é sistemática e transversal. O avance no debate público permitiu colocar no foco non só as diferentes violencias machistas (sexuais, institucionais, xudiciais, sociais) senón a transversalidade de moitas delas a nivel social. Este 25 N estas son as nosas demandas inmediatas para o combate da violencia machista: 

• Fronte á violencia psicolóxica: educación en igualdade e medidas de autoprotección que nos permitan vivir sen medo, combater os estereotipos de feminidade e masculinidade que reforzan os roles de xénero e nos sitúan na subordinación e dependencia. • • Fronte á violencia sexual: acceso ao traballo remunerado, vivenda e apoio psicolóxico continuado ás mulleres vítimas, especialmente ás que viven situacións de trata e ás que queren abandonar a prostitución.

• Fronte á violencia xudicial: para evitar a revitimización reclamamos formación para o persoal funcionario e ampliación dos xulgados de xénero ao conxunto das cidades do país; garantías de protección para as vítimas e para as súas crianzas, nin custodia nin réxime de visitas para os pais denunciados por maltrato. Ante a privatización da xestión dos centros de atención ás vítimas por parte da Xunta, reclamamos que todos os medios que se poñan a disposición, así como a súa xestión, deben de ser públicos, única forma de que prime o interese de servizo fronte a intereses de lucro.

• Fronte á violencia na saúde: a saúde das mulleres debe terse en conta na ciencia médica e farmacolóxica, que historicamente só tiveron unha perspectiva androcéntrica. Demandamos servizos públicos de saúde que garantan o coidado do conxunto da poboación, con medios e prazos razoábeis, que eviten sobrecargar as mulleres cos coidados de doentes e dependentes. Precisamos que a educación sexual forme parte da saúde, que se garanta o dereito ao aborto na rede sanitaria pública máis cercana e que se poña fin a prácticas médicas que constitúen violencia obstétrica.

• Fronte á violencia no traballo: que se obrigue ás empresas a teren protocolos de acoso, se fagan públicos e se poñan en práctica; que se difundan todas as formas de violencia e se garanta que todas as persoas que conviven no traballo as identifiquen e coñezan os mecanismos para denuncialas e, sobre todo, que as vítimas conten sempre con todas as medidas de protección.

• Fronte á incomprensíbel separación das competencias de igualdade e de violencia de xénero en dúas Direccións Xerais e á supresión da Secretaría Xeral de Igualdade no goberno da Xunta, reclamamos que as políticas de igualdade deben ser centrais na organización dun goberno que pretenda acabar coa violencia de xénero. 

E engadimos que a persoa que asuma o papel de rexer ou coordenar as políticas contra as violencias de xénero debería ter formación en igualdade e coñecer as alternativas feministas para o combate de todas as formas de discriminación das mulleres, entre as que se encontran as violencias contras as mulleres. 

A violencia machista ten moitas formas: combatámolas todas!

Ningún comentario: