20241204

Concentración en defensa e protección das nosas árbores

    Onte á noite tivo lugar a concentración convocada pola plataforma en defensa das árbores da vila de Ribadeo. 250 persoas nunha noite desapacible diante do concello, cun acto principal: a lectura do manifesto elaborado para a ocasión. Pancartas, coros e a lembranza de que esta concentración é o comezo, non o final, acompañaron á lectura do manifesto que deixo abaixo en audio e, ó final, en texto:


    Para palpar o ambiente, algunha das fotos tomadas por Suso, Isabel e Mati:








    Texto do manifesto:

BOA NOITE, AMIGAS E AMIGOS!

O primeiro de todo, graciñas por acudirdes a esta convocatoria que ten lugar nesta desapracible e húmida noite de decembro.

Hoxe estamos aquí moita xente amosando a nosa protesta e repulsa polo acontecido nestas últimas tres semanas: as podas innecesarias e indiscriminadas e as cortas salvaxes perpetradas polo Goberno Municipal en varios espazos emblemáticos da vila: nas estradas do Faro e cemiterio, con anterioridade no parque infantil, Forte de S. Damián, Colexio Público Gregorio Sanz, nesta mesma praza do lado, etc.

Pero tamén estamos aquí para evitar que este Goberno Municipal siga con proxectos que pasan por levar a cabo actuacións similares no Parque de S. Francisco, na Praza do Campo (fronte a nós), nas vivendas sociais situadas cara ó Convento das Clarisas...

Esta situación é inaceptable a un proxecto dun Ribadeo máis habitable e saudable, e moi contraria á imaxe que debe dar a vila.

ESIXIMOS que se poña fin a esta exaltación do cemento en detrimento dun hábitat verde; PEDIMOS que finalice XA a destrución do noso patrimonio natural.

Moitas das especies que se cortaron ou que se podaron inadecuadamente, necesitaron de 20 a 30 anos para acadaren o desenvolvemento que mostraban. Unha motoserra necesitou poucos minutos para acabar coa vida do que son un dos máis grandes tesouros dos que dispón o noso planeta.

AMIGOS, AMIGAS, as árbores son máis que madeira e follas, SON VIDA.

As árbores transforman o dióxido de carbono en osíxeno. Nelas viven insectos, paxaros e pequenos mamíferos. Mesmo cando unha árbore morre segue dando vida en forma de fungos. Dan froitos e sombra, a súa contemplación énchenos de ledicia e plenitude. Algúns facultativos prescriben curas de natureza para baixar os niveis de estrés.

Os espazos con árbores son indispensables nos contornos urbanos porque melloran a calidade do aire. Unha grande árbore pode absorber ata 150 kg de gases contaminantes nun ano. Plantalas ó redor dos edificios arrefría o aire entre 2 e 8 graos.

Cortalas de forma basta e indiscriminada antes de analizar e xustificar moi ben por que se fai, é unha temeridade. Antes de facer un traballo tan agresivo débese levar a cabo un estudo onde se especifique moi claramente qué árbores están enfermas (seguramente irrecuperables) e aquelas nas que é necesaria unha poda por motivos de seguridade.

AMIGAS, AMIGOS, ás veces invádenos a sensación de que vivimos nun mundo do revés. Atopámonos nun escenario de cambio climático moi preocupante, aseveración contrastada e confirmada pola comunidade científica; pola contra, sabemos que hai xente que o cuestiona ou que o nega.

A loita contra este cambio climático pasa por diferentes accións que teñen que vir deseñadas polos estamentos que nos gobernan. Desde o estado, pasando polas comunidades autónomas e tamén dos concellos, loxicamente. Aquí, en Ribadeo, estamos asistindo atónitos á supresión e á non creación de novos espazos verdes (PXOM DE 2014), á corta e poda antiecolóxicas de árbores de moitos anos de vida. Todos, -as nós asistimos impotentes, e ó principio incrédulos, a estes feitos. POR ISO ESTAMOS AQUÍ, para BERRARMOS CON UNHA ÚNICA VOZ: BASTA XA!

Desta volta principiou a polémica pola corta de árbores (algunha de máis de 30 anos) no Colexio Público Gregorio Sanz, lugar que reunía as condicións idóneas para ser un espazo de liberación da catividade do cemento para devir nun espazo que cada ano que pasa está máis inmerso nel.

O feito de que unha nena ou neno se manteña en contacto coa terra é algo que lle vai proporcionar seguridade e calma. Xogar no campo, pisalo, respirar aire puro, é algo que nada ten que ver con facelo no asfalto.

Sabemos que para loitar contra as ondas de calor, cada vez máis intensas e longas, unha das solucións pasa por crear illas verdes; isto é, espazos con herba, árbores e plantas que fan o efecto de rebaixar a temperatura, xusto á inversa do que ocasiona o asfalto.

Ningunha xeración ten tanto que perder polos efectos do cambio climático como a Xeración Z. Pechar os ollos a esta realidade cuxas consecuencias son cada vez máis tanxibles NON É UNHA OPCIÓN.

Moitas e moitos dicimos que é tempo de actuar e o momento é AGORA.

Como final, queremos lembrar con todos vós este proverbio indio:

“A TERRA NON É HERDANZA DOS NOSOS PAIS

SENÓN UN PRÉSTAMO DOS NOSOS FILLOS”.

Moreas de bicos e graciñas. Boa noite!

20241203

Unha entrevista

Pedra nunha obra do concello

 Unha entrevista

    O martes 3 de decembro pola mañá tivo lugar unha entrevista entre un grupo de seis persoas, tres mulleres e tres homes, do movemento de defensa das árbores de Ribadeo, e o sr. alcalde.

    Coido que unha entrevista así, de case unha hora, pódese contar con moito detalle e mesmo perder a perspectiva, polo que tentarei facer un curto resume obxectivo e aséptico, illando do relato correspondente cousas como que o remate foi o levantamento do grupo como protesta da actitude do alcalde ou a acusación que se me fixo de mentir, á que puiden replicar cun documento asinado polo propio alcalde onde dicía exactamente o que eu estaba dicindo.

    Ó comezo, establecemos os puntos que íamos a tratar: a necesidade de considerar a opinión da xente antes da corta de árbores, e nese sentido, o parar as cortas, e a restitución do que se puidera.

     Falouse de diversos temas relacionados coa xestión das árbores, na que se incluíron outras obras, tanto pasadas como anunciadas ou previstas polo concello xa dende finais de 2022.

    Expúxoselle a precariedade dos informes no caso do colexio, non aceptando o alcalde dita precariedade. Enfrontáronse feitos, con datas incluídas, distinguíndoos ben de opinións para tentar ter unha base para falar. O sr. alcalde dixo que non ía haber intervención coas árbores nin en Clemente Martínez Pasarón nin no parque (máis aló da palmeira que se tería intentado curar), e que nunca dixera que se ían cortar árbores, ó que se lle respondeu citando unha nova de prensa de 2022 (La Comarca del Eo, 30 de decembro de 2022, p.3). O alcalde puxo en dúbida que se usaran os contedores de Clemente Mtz. Pasarón fronte o mantido polas veciñas asistentes, que discutiron a afirmación do alcalde de que os contedores soterrados eran un niño de ratas. Afirmou o sr. alcalde que as árbores da praza de Pancho Maseda causaban humidades e non eran autóctonos, deixando pasar por parte dos asistentes que algúns cortáranse e algún magnolio arrincárase coa raíz, sendo totalmente aproveitable. Falouse das árbores do cemiterio, do aproveitamento particular dos restos do cortado no colexio e de máis cousas, pero non se chegou a ningún acordo, nin se obtivo resposta de cando ía ser a reunión a tres (coa directora do C.P. e alcalde) pedida pola ANPA a modo de careo para clarificar os feitos, ou outras cuestións propostas. O que si se obtivo foi a acusación de politizar a xuntanza e torpedeala, sendo como foi pedida polo grupo.

    En fin, habería moito máis que dicir desta xuntanza sen froito e duración de case unha hora, que se afirmou que non se repetiría por non ter pensado conceder unha xuntanza semellante.

    Dase difusión a este resume unha vez pasada a manifestación convocada para o mesmo martes pola tarde, da que se falará aparte.

20241202

Dividindo

Dividindo

    Ler de cando en vez algún titular de xeito reflexivo dá para moito. Para moito pensar, e logo, se cadra, actuar dentro do que se poda. Mesmo para sorrir ou chorar, segundo o que se elixa de titular e o humor do que estea cadaquén no momento da lectura.

    Esta fin de semana, como tantas outras veces, fixen ese exercicio necesario para manterme cun mínimo de información do que nos rodea. Cunhas cantas novas, que hai que informarse de xeito amplo, e en diferentes medios, aínda que os hai que dan máis pé -abondo máis- ca outros. Por exemplo, nun 'medio gallego escrito en castellano' que ostenta subvencións ó galego. Foi así como cheguei a un titular anódino que indicaba que o 25 % dos 'novos galegos' non ten pais galegos. Non tocaba onte tanto o facer fincapé en que Galicia se está a quedar baleirada for falta de nacementos na nosa terra e pola emigración que non cesa, ou no tentar atopar unha causa económica á falta de nacementos. Onte e nese medio tocaba máis ben a procura de divisións separando os galegos de pura cepa desa troula que non se pode conter (que non se quere?) que nos cae e nos esmaga a nosa identidade, que desvirtúa o noso chamándose galego por moito que o xornal lle chame gallego. Ó fin, o dato significa que nuns anos, a máis da inmigración que chegue ate o daquela, a cuarta parte dos galegos non serán galegos, senón doutros lugares, por vía paterna ou materna. E iso refírese á cuarta parte do que quede, que, escondido entre os datos, e salvo inmigración rampante, pódese ver que será unha cantidade de xente total equivalente á metade da actual. Camareiros ou carpinteiros que vivirán, traballarán, criarán aquí, pero que... non serán de aquí! Un xa non é de onde nace. Tamén aquelo de ‘un non é de onde nace, senón de onde pace’, quedou aparcado. Agora o paradigma é ‘un non é nin de onde nace nin de onde pace, senón de onde viñeron os seus pais’.

    Proxectando, ata pode que teñamos un presidente de Galicia que nin queira o galego nin se sinta demasiado vinculado a Galicia...

    Mentres, a integración da xente que chega é, en xeral, unha tarefa pendente da que sobresaen algúns casos particulares de éxito nun gran deserto non xa de fracasos, senón sinxelamente de falta de intentos. 

    Menos mal que aínda quedamos algúns galegos vellos con oito apelidos galegos (ou así, que nin nos molestamos en contalos).

20241201

Arboricidio: documentos

    A raíz da protesta pola corta de árbores en Ribadeo, decidín ordear de xeito cronolóxico ata o presente algúns documentos que foron chegando a min, obviando as notas de prensa dos grupos políticos e evitando repeticións (as noticias soen saír en varios medios o mesmo día ou días sucesivos).

1.- 20241007 Informe de Servitec sobre a conveniencia da corta (a mesma empresa encargada da corta) ten esa data na sinatura. A pesar diso, hai fotos onde se observa unha cinta de delimitación e xente xa traballando, o que aparentemente non correspondería con dita data:

2.- 20241030 Día no que en teoría, segundo escrito posterior do alcalde, se produce a petición de corta, desprazamento da técnica municipal para informar e orde de corta,

3.- 20241105 Mobilización da ANPA, entrevista coa directora, que di que é cousa do concello, petición de informes e da paralización da corta. 

4.- 20241105 A raíz do comezo da corta, neste blog, Informe sucinto: actuación C.P. Gregorio Sanz

5.- 20241106 Continuación da poda, non da corta

6.-20241106 El Progreso A ANPA pide explicacións e estala a polémica

7.- 20241107 Na Voz de Galicia ADEGA denuncia ó Concello ante Seprona

8.- 20241108 Informe técnica ambiental concello:


9.-20241107 Dilixencia da alcaldía, na que ordea a corta e o informe anterior, así como afirma que a corta foi pedida pola dirección. A destacar que aparecen ordes orais anteriores que se sitúan no día 30 de outubro.

10.- Recepción dos informes pola ANPA. Entrega posterior de copia á dirección por parte da ANPA e solicitude da dirección ó concello para a súa obtención oficial, que daría lugar ó envío tamén posterior da carta da dirección ós pais.

11.- 20241116 Aparece na Comarca del Eo: 

Arboricidio

POR ISABEL BRAVO BOGO

EXMESTRA DO CEIP GREGORIO SANZ DE RIBADEO

O que está ocorrendo estes días no Colexio Público Gregorio Sanz non é nada novo. As rapazas e os rapaces que agora andan polos corenta anos (xeración do actual alcalde de Ribadeo) comezaron a súa etapa escolar nun centro no que o espazo natural era o que máis salientaba: os edificios eran vellos pero o campo e as árbores eran os que o facían fermosísimo e marabilloso. Xogaban ás agachadas, ás casiñas, corrían polo prado...

As mestras e mestres que chegaban para ensinar alí quedaban gratamente impresionados pola extensa zona verde e aquelas árbores preciosas.

Foi despois dunha Semana Santa. Chegamos ao colexio e vimos que cortaran ao redor de oito ou dez árbores, non recordo ben, e algunhas de nós pedimos explicacións. Algunha resposta foi que esas árbores lles producían "aler- xia" aos veciños e outras non as lembro.

Máis adiante, o Concello decidiu construír unha pista de fútbol 7 asfaltada, á cal eu me nego a chamarlle campo, que iso sería acaído para o deserto do Sáhara, pero non en Galiza, onde temos herba e campo dabondo. 

Expresei o meu desacordo no Claustro de mestres, falei co presidente da ANPA e mesmo falei co Concelleiro de Medio Ambiente. Contestáronme que o colexio non era meu. Nesa ocasión derrubáronse unha ducia de árbores, todas especies autóctonas e con moitos anos de vida.

Noutra ocasión, as que quedaban foron sometidas a unha "poda baixa"; é dicir, cortadas polo medio do tronco. Máis adiante houbo algunha protesta porque algún neno ou nena se mancara cun ourizo dos fermosos castiñeiros da zona de Educación Infantil. A proposta da dirección foi, como non, a corta. Nesta ocasión escoitáronme e aplicóuselles unha poda.

A resultas de todo isto, eu negueime a participar co meu alumnado na celebración do Día da Arbore, pois realmente entendín que non era coherente que os/as nenos/as viran como se remataba con árbores de moitos anos e se lles quería facer crer que se era moi amigo da natureza plantando unha de 40 cm.

Xa o dicía Rousseau alá polo 1672 criticando os homes que destruían a natureza, que "mesturan e confunden os climas, os elementos e as estacións, mutilan o seu can, o seu cabalo e o seu escravo, non queren nada tal como saíu da natureza, nin o mesmo home, a quen doma ao seu capricho coma as árbores do seu horto".

Por outra banda, Heike Freire defende que os nenos e as nenas que teñen un maior achegamento á natureza desenvolven actitudes máis positivas cara a si mesmos e cara aos demais, e mesmo desenvolven importantes valores de compromiso e respecto polo planeta. Tamén son quen de reducir os niveis de estrés, algo que actualmente é esencial. Abun dando no asunto que nos ocupa, en Finlandia a ensinanza sobre o cambio climático forma parte de cada materia.

Sabemos que as árbores, mediante a fotosíntese, consomen o CO2 ambiental, emiten osíxeno e que aproximadamente un terzo das emisións de orixe humana de CO2 son absorbidas polos ecosistemas terrestres, principalmente polas árbores.

E só, para finalizar, eu preguntaría a aqueles alumnos e alumnas que hoxe teñen 40 anos se recoñecen a escola na que fixeron a Educación Infantil e a Educación Primaria e se lles gusta o que ven agora. Se nos dedicamos a educar, intentemos que o noso alumnado sexa crítico e valore o noso. Tratémolos con respecto e non insultando a súa intelixencia.

12.- 20241120 Xuntanza da ANPA e petición dunha xuntanza con dirección e alcaldía, sen resposta polo momento.

13.- 20241126 No El Progreso, noticia da Execución de 'obras' (con talas) polo concello

14.- 20241127 No blog (e logo, na Comarca del Eo) o artigoCorta na praza

15.- 20241128 Na Voz A directora nega ter pedido a corta

16.- 20241128 No blog Comunicado da plataforma pro defensa das árbores de Ribadeo

17.- 20241129 No El Progreso nova da Creación da plataforma en defensa das árbores da vila de Ribadeo e nota de prensa

O Domingo 1 de decembro, á hora de rematar isto, é a información da que dispoño.