20241204

A mentira absoluta

A mentira absoluta

    Non, non creo que o actual alcalde de Ribadeo sexa un mentireiro compulsivo. Creo que colleu o costume de mentir e úsaa. Coa facilidade e inconsciencia que dá a práctica. Como se existira unha verdade alternativa, súa, como lle escoitei, a súa verdade. Como se os feitos e opinións deixaran de ser algo separado, e se puideran mesturar chegando a unha verdade propiedade de quen fai a mistura, quen podería permitirse difundila. Ó fin, a conversión do que un quere pensar, ou cre que lle convén, en verdade por obra do ‘porque o digo eu’ parece que está a poñerse de moda.

    Non é o alcalde de Ribadeo o único expoñente, nin moito menos, pero si o que a nivel institucional temos máis preto na nosa vila. Cabe dicir no seu favor (del e dos outros non tan preto), que é moito máis doado mentir que dicir a verdade: podes mentir sen pensar, dicindo calquera cousa. É máis, a mentira aumenta cando polo medio aparecen mesturadas e tratadas de igual xeito cousas que son verdades. Mentres, para dicir a verdade tes que reflexionar para axustarte ós feitos, mesmo comprobar, ter exactitude...

    Claro que canto máis minta, máis doado é coller ó mentireiro. Aínda que dáse un paradoxo: o mesmo que na canción ‘unha perna tapa á outra’, unha mentira pode tapar a outra; hai que darse moita présa para desenmascarar unha antes de que veña a outra encima, e as présas non son boas para a verdade.

    Hai un tempo cheguei a un libro do autor de ‘As Viaxes de Gulliver’, que por iso, polo autor, me chamou a atención. O título: ‘A arte da mentira política’. Por certo, quede claro que ambos os vin en castelán; o título en galego é tradución miña, non mentira. O caso é que o libriño facía exposición dunha arte cínica pero fina, que entendo que hoxe está en desuso porque o que conta na rápida sucesión da vida actual non parece ser o substituír algunha verdade concreta, senón en facer irrecoñecible a verdade machacando a base de mentir.

    Volvendo a Ribadeo. Hai tempo que de xeito semanal aparece un escrito que se titula ‘A quen pretenden enganar?’. Como nunca considerei que fora comigo e pouco co pobo, non lle prestei atención. Ate o de agora, cando me avisaron que ese ‘pretenden’ xenérico, rematara por incluírme na masa de afectados (sen cita concreta e en revoltixo con outra xente incluída nun saco de “oposición”). Foi entón cando lin, e vin, que empregando acusacións xenéricas feitas contra unha masa tamén xenérica, nebulosa e variable pero en aumento semana a semana, case deixa de ter sentido ata o tentar poñer as cousas en claro e procurar a verdade. É dicir, como puxen antes, “o que conta (é) facer irrecoñecible a verdade machacando a base de mentira”. Xa dixen, mentira tamén e sobre todo é cando tamén vai algunha verdade polo medio, como para dar lustre. O escrito aparece asinado por ‘D. Vega e PP de Ribadeo’. O xefe é o xefe e exerce a xefatura, como debe de ser. E non importa que se usen informes entregados despois de que tiveran lugar os feitos, que en informes con datas anteriores (pero dados a coñecer despois) aparezan xa zonas acordoadas con xente en traxe de faena dentro, ou que unha dilixencia da alcaldía mande ó tempo cortar xa e facer o informe xa, xunto con algunha outra irregularidade no mesmo escrito. Por certo, na nota semanal que pretende enganar, neste caso sobre as árbores, non se citan cousas como a falta de xuntanza a tres pedida pola ANPA despois de contradición entre alcaldía e dirección do C.P., non concedida ate o de agora.

    Hai que recoñecer que a emisión desas notas semanais require un talento. Un talento como escritor, non como alcalde. E un traballo (e rápido), para responder canto antes; traballo que quizais sería máis proveitoso noutros lugares, de non empregalo en facer valer ‘calquera verdade’. Tamén require a vontade de impoñer ‘unha’ verdade en troques da procura de vivir e beber da verdade.

    Coido que non é estraño que despois de ler o de ‘A quen pretenden enganar?’, o primeiro que me preguntara fora ‘a quen pretende enganar?’

    Nota final: é moi difícil defender a procura da verdade habendo un bombardeo continuo de ‘verdades alternativas’. Mais, canto máis difícil, máis necesario.

Ningún comentario: