Mentir canto queira (sen problema)
Hai xente que parece que ten dereito de mentira. Non permiso, non, senón dereito. Paréceo pola súa actitude e polos resultados. A fórmula para facelo, segundo a situación na que se atope, é sinxela: fala, di, asevera, o que sexa, non importa o que, sempre e cando misture ben cousas que non veñen a conto con outras que veñen ó seu conto (que sexa verdade ou non, non importa moito), e refírese ós consellos dos técnicos como respaldo. Non importa que sexan decisións e medidas políticas, sen relación co que debera ser un proxecto ou un informe sobre o que se estea a tratar. Logo, sempre se pode dilatar a entrega do informe, mesmo facelo a posteriori e encargalo para facelo coincidir co dito, ou técnicas semellantes. E, en caso necesario, sempre se pode botar a culpa a quen fixo o informe a medida por facelo mal ou a subalternos de diverso tipo por non entender o que se lles dixo, terxiversar as verbas de quen está por riba deles en mando ou ter un despiste. Como se pode contemplar, as opcións a disposición son moitas. Claro que, se se usan unha e outra vez, poden rematar por facer augas, ou ben ter que acelerar o proceso de mentiras para que a verdade non teña tempo de saír a flote entre unha e outra.
Dilatar a entrega dun proxecto para o seu coñecemento xeral, mentres se fala del ten a vantaxe de que como o resto da xente non coñece o proxecto, quen fala sobre el pode dicir calquera cousa sen que nin se saiba se é ou non certa. E, se algún día se chega a coñecer o proxecto, ou pasa a executarse, no tempo pasado pode xa terse esquecido a mentira (pode que ata substituída por outras!), ou, no caso menos favorable, ser xa auga pasada, desa que di o refrán que non move muíño.
Non lle chames mentira. Chámalle media verdade, a 'miña' verdade, di que quen minte son os outros, nega todo ataque, destaca todo o que podas poñer como favorable aínda que non veña a conto. E, se te collen en mentira, négao, que poden non ter probas abondo. Pasa a culpa a outro que podas controlar, así non será culpa túa: entendéronte mal e executaron en consecuencia, informáronte mal e actuaches en consecuencia... E, no último caso, di que foi un erro, non unha mentira: como vas mentir ti? Ou é que dubidan de ti?
O problema da mentira non é tanto a propia mentira, senón que propicia o non saber onde está a verdade. Que a mentira autolexitímase con máis mentira e así non só queda impune, senón que contamina a verdade, diminúe as defensas que todos temos para illar e comprender a realidade. Que quen di a verdade pasa como mentireiro. Que pasa a non ser considerada problema cando é un tema vertebral na sociedade.
1 comentario:
Que artigo máis acaído!
Publicar un comentario