NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES
Como xa temos informado, o pasado dia 26 de novembro un grupo de
veciñas s e veciños de Ribadeo decidimos constituírnos na Plataforma
para a Defensa das Árbores da Vila e do Concello diante das repetidas
cortas que se viñeron producindo nos últimos
meses.
Nas xuntanzas deste colectivo decidiuse pedir unha entrevista
ao Sr. Alcalde e convocar unha concentración veciñal para deixar
constancia do malestar existente na sociedade ribadense.
Da concentración, que tivo lugar o martes, dia tres de decembro, xa deron conta os medios de comunicación e nas fotos pódese apreciar
que pese a estar un tempo moi desapacible asistiron como mínimo unhas
duascentas persoas.
Da entrevista co Sr. Alcalde que se celebrou o mesmo martes ás
nove da mañá e á que asistimos seis persoas, imos dar conta de seguido,
se ben adiantamos que non é doado por ser unha entrevista que non tivo
unha liña regular, con participación de todas
e todos os asistentes e numerosos comentarios e valoracións persoais
de difícil comunicación.
Os aspectos que queremos suliñar da devandita entrevista son os seguintes:
1º Segundo o Sr. Alcalde, as cortas de árbores no Colexio Público foron
realizadas tras un informe técnico por unha empresa acreditada. Deixando
aparte que se alude á suposta infalibilidade dos técnicos cando non hai
outros argumentos, debemos suliñar que o devandito
informe –que xa coñecíamos uns días antes por unha vía paralela– foi
redactado pola mesma empresa que despois fixo a corta ordenada pola
alcaldía. Como non queremos entrar en insinuacións nen suspicacias só
diremos que este procedemento de contratación entra no que se chama un clarísimo conflito de intereses e que neste
contexto os informes técnicos quedan autodescualificados sen entrar
sequera a lelos, como pode entender calquera estudante de segundo de
primaria. Pola outra banda temos acreditado con documentos
oficiais que as datas que figuran nalgún destes informes son
posteriores ás cortas realizadas no colexio.
2º O Sr. Alcalde repetiu ata a saciedade as accións e omisións dos
gobernos anteriores, insinuado que a nosa plataforma podería ter
algunha relación cos partidos políticos ou persoas de gobernos
anteriores. Temos particular interese por suliñar que esta é unha
insidia política e que esta plataforma non ten a mais mínima relación
con ningún grupo ou partido político real ou imaxinario.
3º A pregunta directa de se existe un proxecto de reformas no campo de
Sta. María e no Parque Municipal que suporían a corta de mais árbores, o
Sr. Alcalde manifestou que non existía tal proxecto. Sin embargo ao
día seguinte atopamos tres declaracións á
prensa e radio do Sr. Alcalde dos últimos meses nas que afirma que se
van realizar reformas nos parques sen concretar. Diante de esta
contradición, que nos abstemos de cualificar, estaremos á espreita de
calquera movemento na liña de novas cortas de árbores
e esiximos que se publiquen eses proxectos e non se actúe por sorpresa
ás sete da mañá como veu sucedendo. Asemade preguntóuselle ao Sr.
Alcalde sobre un suposto proxecto de cortar as sete arbores que
existen enfronte das vivendas sociais, na rúa Clemente
Martinez Pasarón e respostou que existía ese proxecto, que se ían
suprimir os colectores de lixo subterráneos por motivos “técnicos” e que
non se ían cortar as árbores, pero non presentou o proxecto nin
prometeu presentalo ao público.
Nos próximos días anunciaremos un acto público para informar e
debater sobre este asunto e anunciamos que seguiremos loitando por
evitar que se produzan mais cortas de árbores inxustificadas no concello
de Ribadeo e que se publiquen os proxectos de
obras que podan afectar ao benestar, á calidade de vida da veciñanza e á
imaxe de un Ribadeo verde, moderno e humanitario.
PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS ARBORES DO CONCELLO DE RIBADEO. 9/12/2024
Foto de orixe descoñecida. O parque de Ribadeo. |
Ningún comentario:
Publicar un comentario