Adxunto deixo nota de prensa sobre o acto de onte da plataforma pola defensa das nosas árbores, xunto con algunha foto das tomadas por Suso. Axustar á nota que o acto durou perto de dúas horas, das que máis dos tres cuartos foron a raíz de intervencións dos asistentes, manifestación dos fortes sentimentos suscitados.
NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES
Na tarde-noite de onte, xoves, celebrouse a charla informativa anunciada por este colectivo na Casa do Viejo Pancho de Ribadeo.
Antes
do comezo dedicouse un minuto de silencio pola memoria de Rejane, a
muller asasinada en Viveiro, nun novo crime
machista e convidouse aos asistentes a participar na concentración de
repulsa que terá lugar hoxe, venres as 20:00, na Praza do Oito de Marzo.
No acto participaron mais de cincuenta persoas con moitas intervencións
e un intenso debate, que deron conta da inquedanza
social que están suscitando as talas reiteradas e inxustificadas de
árbores en diferentes puntos do concello e o temor a que estas sigan
adiante e se estendan a outros lugares no sucesivo. Tamén se deu conta
da falla de información sobre a reforma do Parque
Municipal e o Campo de Santa María, anunciada en varias ocasións polo
Sr. Alcalde nos medios de comunicación, pero negada por este na xuntanza
celebrada no Concello o día 3 de decembro con seis membros de esta
plataforma.
No acto participaron tamén varias persoas
da Xunta Directiva da ANPA do Colexio Gregorio Sanz que amosaron a sua
sorpresa pola corta indiscriminada de moitas árbores sen información
previa, e suliñouse que algúns dos informes relativos a esta intervención
foron realizados con posterioridade á devandita corta. Algúns de estes informes foron proxectados polos poñentes e
púidose comprobar que as datas de redacción de estes documentos
presentan contradicións evidentes cas declaracións da alcaldía. Pola
outra banda suliñouse que un dos informes asinado por unha
empresa privada, polo demais a mesma que realizou as cortas, xustifica
as cortas, entre outros motivos, en base a que 'as árbores dan sombra e
as follas caen nos canalóns e despois hai que limpalos' (sic). Tamén se
chamou a atención sobre o feito de que as cortas
se realizasen en días lectivos e estando os nenos nos patios de recreo.
Sobre o proxecto, recoñecido polo Sr. Alcalde, de suprimir os
contedores de lixo diante das vivendas sociais da Rúa Clemente Martinez
Pasarón suliñouse que fan un estimable servizo e
que poden ser reparados sen excesivo custo e mesmo, segundo persoas
residentes nestas vivendas dende hai mais de 30 anos, non é certo que se
ven vexan ratas como se intentou usar de xustificación.
Como proxectos para o futuro acordouse estar vixiantes a calquera
nova actuación do concello, esixir unha información e transparencia que
non existiu ata a actualidade, seguir reuníndose periodicamente e
convocar actos públicos de rexeita cando se considere
necesario.
Ribadeo, 20 de Decembro de 2024
PLATAFORMA POLA DEFENSA DAS NOSAS ÁRBORES
Ningún comentario:
Publicar un comentario