20241205

Un novo Chío!

    A revista Chío do mes de decembro está xa á túa disposición. A máis da portada (enriba) e a miña colaboración (embaixo), deixo a ligazón á revista por se queres baixala ou vela en liña. Que a desfrutes! Pode ser a última nun tempo...





Un chío encantado










Hai tempo, nunha conversa intranscendente, dixen algo como que calquera das nosas aldeas tiña lugares encantadores por descubrir. Algúns, auténticas xoias; outros, lugares agradables a desfrutar. En calquera caso, a desfrutar para o seu aproveitamento humano, polos poboadores próximos, aínda que tamén se puidera aproveitar para o desenvolvemento da zona. Despois de dicilo, quedei pensando se coñecería -eu- no entorno da vila, ou no termo do concello, lugares abondo para facer unha tal guía. E non, seguro que non coñezo todo o que hai, pero si abondo como para facer non unha guía turística, que non é a miña idea, senón un mapa de desfrute posible, un poñer no punto de mira algúns lugares agradables.

Pouco despois da conversa, quedou o rural de Ribadeo sementado de sinais e direccións indicando ‘Camiño do Encanto’. Tantas, que ás veces nun cruce atopas para a esquerda e para dereita a sinal repetida, a máis d que indica o sentido do que vés. Polo que parece a cousa foi froito dunha subvención na que houbo algún tipo de desaxuste entre a petición e a realización. De calquera xeito, deume azos para tentar poñer nunha lista curiosidades, lugares ou edificios a ver, de xeito de que quedaran salientados. E xa digo, non como unha guía turística tradicional, senón máis ben como mapa de sentimentos posibles, xerador de lembranzas agradables. Aínda que sexa incompleto, que non me cabe dúbida de que o será, por espazo, por descoñecemento e por folganza.

En Ribadeo, o mesmo que noutras poboacións, o ‘turismo’ concéntrase na vila principal, coa Torre dos Moreno como emblema, as terrazas vivas que invaden o terreo dos cidadáns, os miradoiros sobre a ría amosando unha beleza compartida, que non deixasalientar a vila dos comerciantes na que se debulla unha historia xa pasada, as casas dos indianos que unen un presente migratorio diferente, a ruta das pedras da memoria que nos ensinan nomes e lugares que non debemos esquecer, a sorpresiva Fonte Cavada... ou os seus arredores próximos, miradoiro de Santa Cruz xa na parroquia de Ove ou illa Pancha, na de Vilaselán. E claro, no caso concreto de Ribadeo, as moi famosas Catedrais, na Devesa, que para este caso, non contan como descoñecidas, e cuxo nome eclipsa (aínda que non a súa realidade) á zona de Os castros, Illas ou Esteiro, na mesma parroquia.

E fóra diso? Por onde comezamos?

Uf! Sinxelamente, por algures. Por exemplo, polas varias rutas que se poden aproveitar para recorrer dando un paseo ou facendo unha marcha. A que vai pola costa, ligando as Aceas ó porto e paseo marítimo e logo, costa da ría ata illa Pancha e seguindo pola beira do mar -Catedrais incluídas- camiño de Barreiros, o ‘concello seguinte’ nese ‘Camiño do Cantábrico’. Ou a ‘Ruta da ría’ que saíndo e retornando a Ove nos permite diferentes visións do entorno natural da ría de Ribadeo. Ou a ruta do monte, saíndo tamén de Ove cara a Remourelle (A Devesa), desviación ó Mondigo incluído, e que permite asomarnos, xusto pasando a Barreiros, ás mellores vistas das que coñezo sobre o Cantábrico. Ou prefires rutas máis inexploradas? Proba seguir a antiga ruta do ferrocarril mineiro dende que sae á ría nos Guildeiros (Ove) ata pasado Porto (Vilausende). Iso si, vai preparado: non está sinalizada nin coidada.

Es máis de ver, a secas? Ó antedito, o Val de Noceda na Devesa enche o espírito ó tempo que pode ser posto de exemplo de cunca fluvial e vista ampla cos seus campos. Ou, dende diversos puntos, Mondigo incluído (Covelas), o val do Río Grande e a súa variedade dende a veciña Fórnea en Trabada ata a súa desembocadura entre Ove e Vilausende.

Pode que sexas máis de lugares recollidos. Só baixarte do coche permíteche estar nun pouco antes da desembocadura do río Grande, contemplando os meandros ós que se une o río Pequeno. Claro que tamén podes recollerte nas casetas dos varios miradoiros sobre a ría -en Vilaselán, Ove, Vilausende... algún, a estas alturas, novo do paquete- e illarte. Ou recorrer un par de centos de metros dende a estrada para que sexa a propia natureza a que che ille no Pozo Mouro, vendo correr as augas do rego de Lexoso antes de ser Río Grande, e o seu accidentado descenso na propia fervenza.

Santuarios? Pásate por Vilaselán a contemplar os seus exvotos de paso que entras no ambiente dunha igrexa que con moita probabilidade te resultará diferente, sinxelamente. Ó fío do anterior, pode que sexa máis do teu gusto o contemplar ou mergullarte en arquitectura. San Juan de Ove, tan diferente e ó tempo parella á anterior. A igrexa Santalla da Devesa, fermosa. O sinxelo adro do templo de San Vicente de Covelas, a igrexa da Nosa Señora das Virtudes na Ponte de Arante e os seus murais de hai máis de medio milenio... Por certo, que non só de igrexas se compón a arquitectura do rural. Preto do adro está o Pazo de Cedofeita, con lugares abondo no seu interior para sentirse en diferentes ambientes e épocas, desfrutando en todo caso.

Para min, a arquitectura funeraria ten marcado lugares aparte. O cemiterio da vila está xa en terras de Ove, dende antes que o vello fora substituído no seu lugar polo Parador de Turismo, e ten particularidades como as vidreiras da súa capela ou o espazo para autopsias, que cando menos son curiosidades. E o cemiterio da Devesa? Preto da igrexa, coido que pode cualificarse de ‘cemiterio indiano’...

Es de castros? Achégate ás Grobas (Vilaselán) e verás foxos e catas na natureza do entorno actual dun antigo castro de costa. Por suposto, hai uns cantos máis. Só os estudados a modo de exemplo no libro sobre os castros de José Mª Rodríguez son sete!

E quedan ... Rinlo (aínda non coñeces as súas cetáreas?), Vilaframil e Piñeira (a costa agreste de Ribadeo) ou Couxela (onde a ría de Ribadeo aínda é meandro), das que non dixen nada antes, a máis doutras cousas que desfrutar nas parroquias xa citadas. E é que, cen quilómetros cadrados de concello nunha terra querida dá para moito!

Ningún comentario: