Pedra nunha obra do concello
Unha entrevista
O martes 3 de decembro pola mañá tivo lugar unha entrevista entre un grupo de seis persoas, tres mulleres e tres homes, do movemento de defensa das árbores de Ribadeo, e o sr. alcalde.
Coido que unha entrevista así, de case unha hora, pódese contar con moito detalle e mesmo perder a perspectiva, polo que tentarei facer un curto resume obxectivo e aséptico, illando do relato correspondente cousas como que o remate foi o levantamento do grupo como protesta da actitude do alcalde ou a acusación que se me fixo de mentir, á que puiden replicar cun documento asinado polo propio alcalde onde dicía exactamente o que eu estaba dicindo.
Ó comezo, establecemos os puntos que íamos a tratar: a necesidade de considerar a opinión da xente antes da corta de árbores, e nese sentido, o parar as cortas, e a restitución do que se puidera.
Falouse de diversos temas relacionados coa xestión das árbores, na que se incluíron outras obras, tanto pasadas como anunciadas ou previstas polo concello xa dende finais de 2022.
Expúxoselle a precariedade dos informes no caso do colexio, non aceptando o alcalde dita precariedade. Enfrontáronse feitos, con datas incluídas, distinguíndoos ben de opinións para tentar ter unha base para falar. O sr. alcalde dixo que non ía haber intervención coas árbores nin en Clemente Martínez Pasarón nin no parque (máis aló da palmeira que se tería intentado curar), e que nunca dixera que se ían cortar árbores, ó que se lle respondeu citando unha nova de prensa de 2022 (La Comarca del Eo, 30 de decembro de 2022, p.3). O alcalde puxo en dúbida que se usaran os contedores de Clemente Mtz. Pasarón fronte o mantido polas veciñas asistentes, que discutiron a afirmación do alcalde de que os contedores soterrados eran un niño de ratas. Afirmou o sr. alcalde que as árbores da praza de Pancho Maseda causaban humidades e non eran autóctonos, deixando pasar por parte dos asistentes que algúns cortáranse e algún magnolio arrincárase coa raíz, sendo totalmente aproveitable. Falouse das árbores do cemiterio, do aproveitamento particular dos restos do cortado no colexio e de máis cousas, pero non se chegou a ningún acordo, nin se obtivo resposta de cando ía ser a reunión a tres (coa directora do C.P. e alcalde) pedida pola ANPA a modo de careo para clarificar os feitos, ou outras cuestións propostas. O que si se obtivo foi a acusación de politizar a xuntanza e torpedeala, sendo como foi pedida polo grupo.
En fin, habería moito máis que dicir desta xuntanza sen froito e duración de case unha hora, que se afirmou que non se repetiría por non ter pensado conceder unha xuntanza semellante.
Dase difusión a este resume unha vez pasada a manifestación convocada para o mesmo martes pola tarde, da que se falará aparte.
Ningún comentario:
Publicar un comentario