Unha percepción negativa de parte
Onte, domingo de mediados de decembro, comecei a recibir fotos e vídeos dunha manifestación que a Santiago caíalle grande. Pero é a capital de Galicia, e, de non ser na Ulloa, onde xa se ten feito outra que desbordou Palas, era o lugar lóxico. O lugar onde podería facilitárselle ó goberno galego ver a xente e ouvila, mesmo escoitala, e non durante só un momento. Escoitar e atender a 'percepción negativa dunha parte da poboación galega'. Refírome a esa expresión entre comiñas por ser o subtítulo da noticia coa que follas adentro (xunto con novas sobre traballo e medio ambiente pasadas tres cuartas partes do total), un xornal en castelán feito e subvencionado en Galicia cubría a manifestación. Hai que dicir que, de xeito natural, non só ocupando posición nas primeiras páxinas, senón moito máis espazo, dito xornal, nunha 'importante' noticia, aseveraba que o partido do goberno galego volvería hoxe repetir éxito electoral con números semellantes ós das pasadas eleccións.
Hai que dicir tamén, xa que estou coa nova, que só un cuarto do espazo escrito para ela estaba cheo coa opinión da empresa, a quen correspondería esa expresión de subtítulo de lamento de que unha parte da sociedade galega teña unha percepción negativa nun proxecto que 'podería empregar' máis de 850 M€ (un cuarto ao menos, cartos de todos). Un parágrafo moito menor en espazo correspondería á Xunta, declarando por boca da Conselleira de Medio Ambiente que non van obedecer ningunha presión, despois de deixar claro o xornalista que a cousa está en mans dos técnicos polo medio dos datos de asistencia á manifestación.
Hoxe mesmo, un amigo díxome que lera ben unha cousa que me enviaba. Quizais por iso, tentei ler ben a nova e cheguei ó resalte dos técnicos e das verbas da Conselleira. A verdade, as declaracións e lamentacións da empresa coido que non teñen moita importancia: tratándose de gañar cartos como sexa, que se espera que vaia dicir? Mais chegar ó final da lectura e decatarme de que a cousa está 'nas mans dos técnicos' e non dos políticos que deciden (ó longo do tempo, parece que xa teñan decidido hai moito), en contradición coas verbas da Conselleira de que a Xunta non vai obedecer presións de ningún tipo e coa evidencia de que leva tempo aliñada coa intención da empresa, produciume un certo desasosego.
Foi quizais ese desasosego o que me fixo esquecer durante un lapso de tempo as fotos que recibín, cun longo 'río' despregado por 'unha parte' dos manifestantes, que non había río para todos. Ou a cifra das cen mil persoas estimadas pola organización (que quedan reducidas a menos da metade pola policía local, xornal mediante). Ou o mar de papel que significan esas 23 000 alegacións presentadas e que se saiba polo momento ignoradas. Ó menos pola miña parte, 'percepción negativa' da vontade do que se quer facer e de como se está a facer por parte de empresa e administración. Unha 'percepción' fundamentada en feitos.
---- Algunhas fotos que me pasaron, coa advertencia de que na praza do Obradoiro, a xente estaba literalmente de paso para poder entrar os seguintes.
Ningún comentario:
Publicar un comentario