20250122

A atención das árbores en Ribadeo

A atención das árbores en Ribadeo


    O coidado das árbores está esta tempada na mirada dos ribadenses. Se esta mañá publicaba aquí mesmo a 'Nota Informativa da Plataforma pola Defensa das Nosas Árbores', deixo agora unha noticia complementaria, tendo como actores a oposición no concello de Ribadeo, tanto BNG como PSOE. Trátase da presentación da petición dun pleno extraordinario sobre o tema. A destacar que, legalmente, e tras ter sobrepasado o número de concelleiros necesarios (sobraba cos do BNG, pero presentan unha fronte común co PSOE), o pleno debe convocarse den 15 días útiles. De non ser convocado, automáticamente se convoca para 10 días despois (tamén laborables, é dicir, o 26 de febreiro se non están mal feitas as contas) ás 12 da mañá. É dicir, teremos un pleno adicado a dito tema como moito en pouco máis dun mes.

    A transcrición da imaxe:

"Ao abeiro do indicado no artigo 46 da Lei Reguladora de Bases do Réxime Loca, os concelleiros e concelleiras Pablo Vizoso Galdo, Vicente Castro Reigosa, Raquel Ferreira Álvarez, Marcos Antonio Villamil Martínez, Martín Graña Pérez e Marta García Rey, representando máis dunha cuarta parte da corporación municipal, solicitan a convocatoria dun pleno extraordinario para tratar do seguinte punto único:

1. Debate e aclaración sobre o acontecido coas cortas de árbores en diferentes lugares do concello e a manifestada intención do proxecto de reforma sobre o Campo de San Francisco.

Nas últimas semanas e meses asistimos á tala indiscriminada e sorpresiva en diferentes lugares do noso concello, que afectou especialmente o Centro Educativo Gregorio Sanz e á praza Pancho Maseda. Todas estas actuacións provocaron a indignación e reacción social de diferentes colectivos. Ademais, nos últimos meses, recibimos a través dos medios de comunicación e en conversas información sobre a intención do goberno municipal de acometer unha reforma integral do campo de San Francisco.

Polo exposto, proponse debater o punto e aprobar os seguintes acordos:

1. Paralización inmediata da tala de árbores, agás para casos debidamente xustificados con informes técnicos previos.

2. Calquera actuación hipo´tetica ou futura sobre o Campo de San Francisco deberá contar coa exposición pública previa á licitación do mesmo, para permitir a participación da veciñanza.

En Ribadeo, a 22 de xaneiro de 2025

"

    Deixo tamén a nota de prensa anunciándoo, coa foto de Pablo Vizoso e Marta García que acompañaba:

 

"A oposición ao completo solicitará a convocatoria dun pleno extraordinario para aclarar o acontecido cas cortas de árbores e o plan de reforma sobre o campo de San Francisco.

Os concelleiros do BNG de Ribadeo e a concelleira do PSdG solicitarán a convocatoria dun pleno extraordinario para aclarar o acontecido nas últimas semanas. Preguntaremos sobre as cortas masivas de árbores realizadas polo goberno municipal, así como as súas intencións de reforma integral sobre un dos espazos máis emblemáticos de Ribadeo: o campo de San Francisco.

A oposición en pleno realiza esta solicitude despois das reaccións e demandas dunha gran parte da veciñanza de Ribadeo, ignorada e ninguneada de xeito reiterado polo alcalde.
"

Ningún comentario: