20250126

ANXIÑOS BEBÉS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 


ANXIÑOS BEBÉS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Aínda que a tradución literal de Sonny Angels sería a de “Filliños anxos”, coido que a palabra bebé lles é máis acaída. Están causando furor entre a rapazada e xa comeza a escasear a oferta polo exceso de demanda. Os bazares chineses e as plataformas on line véndenos a prezos reducidos (entre 3 e 4 euros) e a esgalla, sendo bastante parecidos, por certo, aos orixinais, cuxo valor é duns 15 euros como mínimo.

    Trátase de bonequiños espidos con diminutas ás de anxo e toucados de animais, froitas ou verduras a xeito de gorros. Son adhesivos e pódense pegar nos móbiles, nos ordenadores, nas tabletas, nunha estantería, no espello retrovisor do coche ou onde a un lle pete. O factor sorpresa é importante porque non se sabe que modelo vai tocar antes de proceder a abrir a caixa que os contén. De feito, en Tik Tok e en Instagram arrasa o seu desempaquetado para ver, ao final, cal é o tipo de boneco que vén no seu interior. De aí que moitos adolescentes se lancen ansiosos á súa procura como hai uns anos ían cazando desesperados Pokemons polas rúas, como se se tratase do primeiro día das rebaixas ou como se se producira a saída ao mercado do último modelo de teléfono móbil. Mesmo moitos famosos foron seducidos por eles, como é o caso da cantante Rosalía ou de Victoria Beckham, quen os amosan nas súas redes sociais a milleiros de seareiros desexosos de as poder imitar e pregando por que lles toquen en sorte os mesmos bonequiños en cuestión que a elas. Así é como se crea agora tendencia.

    A min unha alumna agasalloume (non sei aínda moi ben o porqué) con un deles. Eu descoñecía a súa existencia e, cando mo entregou, non sabía moi ben que facer con el nin onde colocalo. Tocoume o que leva na cabeza unha berenxena e decidín pegalo a unha maceta como se estivese a axexar entre as follas da planta no medio da selva.

Ningún comentario: