20250102

ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO. Pancho Campos Dorado


ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO

Pancho Campos Dorado

Vemos en notas publicadas polo Concello, que cambiaron substancialmente o aspecto do escudo de Ribadeo e se inventaron tamén unha bandeira.

As formas e a colocación das pezas en Heráldica son moi importantes. Xeralmente un Mestre Heraldo antes de renovar unha peza dun brasón, trata de buscar o vestixio máis antigo de dito brasón, e logo, con criterio histórico, cambialo se ha lugar.

No caso do escudo de Ribadeo, non hai nada que cambiar. O escudo de Ribadeo é o que presenta Francisco Lanza no Ribadeo Antiguo, que xa era antigo no ano 1699. Escudo español redondeado en punta: en campo de azur, ondas de auga de prata e azur en punta, unha chave de ouro en banda, co anel a sinistra e o paletón á destra cara abaixo, superada por unha estrela de prata de cinco puntas en xefe. No timbre unha coroa condal, guarnecido o círculo de pedrería e realzado de dezaoito perlas grosas sobre outras tantas puntas, visibles nove delas.

A forma dunhas ondas do mar están perfectamente establecidas no escudo da capela da Virxe do Camiño, en horizontal, e na capela da capela de San Lázaro, un pouco inclinadas cara a destra. Por outro lado, a chave, está en pao, no brasón da Virxe do Camiño, e en banda, en San Lázaro.

A chave pasou de estar en pao, a estar en banda por ser a figura en pao, o que representa a lanza dun xefe e o mando dunha xurisdición. A banda, representa o tahalí dun xeneral ou dun xefe. (Nota, o tahalí é a correaxe dende o ombreiro dereito o costado esquerdo, de onde pende a espada envaiñada dun cabaleiro).

Explicar estes cambios de posición na chave, obedecen á nosa propia historia. No século XIII, Ribadeo perdeu a xurisdición eclesiástica, pois pasou de estar facéndose unha Catedral a facer unha Colexiata, pois privouse da sede bispal. O bispo era quen tiña o mando da xurisdición. Recordar que Ribadeo, foi nomeada Vila Real polo rei Fernando II (1137-1188) en 1183, quen lle outorgou Carta de Foro, con dereito de Carga/Descarga no seu porto comercial, moi importante sempre até que se fixo a “incivil obra” da Ponte dos Santos sobre a Ría de Ribadeo, que nos privou dun gálibo de navegación libre e competitivo para os barcos da Mariña Mercante actual, pero ben, iso é de outro artigo.

Fernando II, tamén lle concede Carta Puebla para poder celebrar mercado e todo canto necesitara: “...para incremento de mi reino y servicio mío y de mi heredero...”

Por mediación de Fernando II, a sede mindoniense que estaba en Vilamaior de Vallibria trasládase a Ribadeo en 1182, a cargo do bispo don Rabinato (1182-1199) e tamén o rei cómpralle a xurisdición ó Conde Don Rodrigo Vela de Montenegro, e cédella ao bispo mindoniense de Ribadeo.

Neste momento, a chave do escudo de Ribadeo, que brasona a capela da Virxe do Camiño, está en pao, pois é peza da xurisdición de Facenda que cobraba o bispo, de aí que o brasón estea colocado no hastial dunha igrexa e non nunha fortaleza ou na casa brasonada dun conde ou dun fidalgo ao mando. A chave, neste caso, non ten que ver con ser Ribadeo unha vila amurallada con “porta”, como se di o alcalde José María Sela en 1876, xa que a muralla de Ribadeo tiña, seis portas e tres postigos. Polo que se a chave representase a entrada á parte amurallada, estarían colocadas varias chaves e non unha soa, como ocorre por exemplo, coas dúas chaves das “portas do ceo” representadas no escudo papal, aínda que din que hai sete ceos. A representación das chaves en pao é brasón da Facenda Pública, como se pode ver no primeiro cuartel do escudo esquerdo da Casa dos Miranda, na rúa Amando Pérez, case en fronte da Fonte dos Catro Caños. Brasón do Marquesado de Campo Sagrado, de D. Bernaldo de Quirós de las Alas y Carreño.

A chave do brasón da capela da Virxe do Camiño, está surmontando varias ondas do mar, pois representa todos os privilexios das alcabalas que o bispo tiña, emanados do porto de mar de Ribadeo, o que abarcaba todas as compras e ventas do transporte marítimo, ou sexa, era o “recadador” dos impostos e dereitos de Aduana, que era unha grande renda.

O bispado pasa de don Rabinato a don Pelaio II de Cebeira, desde o ano 1199 a 1218. O bispo segue cobrando as alcabalas do porto, e mantense a chave en pao. Pero a autoridade militar da vila, seguramente en mans da Orde de Cabalería dos Hospitalarios, cuxa cruz emblemática se pode ver na igrexa parroquial de Ove, goberna e exerce a vixilancia do Camiño de Santiago e inclina a chave, e brasona en banda o escudo de Ribadeo, tal como se ve na capela de San Lázaro, que como dicimos arriba, a banda representa o tahalí dos cabaleiros, e estes tamén cobraban por manter segura a senda contra asaltantes dos peregrinos.

O cobro das alcabalas do peirao, pasa a ser outra vez xurisdición da autoridade civil, cando Enrique II “o das Mercés” lle concede no ano 1369 o Condado de Ribadeo a Pierre de Villaines: “...con sus rentas e pechos derechos dellas...” (F.Lanza,p.44); logo pasará en 1415 a Rui López Dávalos e máis tarde, en 1431, a Rodrigo de Villandrando, e entón a chave queda definitivamente en banda.

Pero por aquelo de que aquí cada un fai o que lle ven en gana, tamén podemos ver en varios escudos repartidos polo pobo, con máis de 100 anos de antigüidade, a chave en barra, o que representa bastardía ou de un fillo ilexítimo (M. Costa y Turell, p.56).

Tanto no brasón da capela da Virxe do Camiño como no de San Lázaro, a chave ten o ollo dunha chave, e non ten ollos laterais, que semellan un festón das charreteras dos uniformes da cabalería de Felipe V (1683-1746). Un ornamento mal traído, aínda que poida quedar moi guapo nun traxe dunha comparsa do Entroido.

Seguindo coas figuras que se montaron no novo escudo do ano 2024, seguimos a estar fora dos cánones históricos e heráldicos do Concello de Ribadeo, pois plántase unha estrela de oito puntas, que o escudo nunca tivo e non se atopa en ningún arquivo mención algunha a tal tipo de estrela, pois desde que entrou no brasonado do escudo, é unha estrela de cinco puntas, como as da bandeira dos Estados Unidos, incluso con raios nos entrantes da estrela de cinco puntas, como a dos escudo da Casa do Concello. Esta estrela de cinco puntas, ten un certo “tufo” aos inicios da masonería en Ribadeo, de mediados do século XVIII e primeiros do XIX, pois as cinco puntas representan os poderes da natureza: terra, auga, aire, fogo e tempo, aínda que se entenda oficialmente como que representa a estrela Polar, por estar Ribadeo o Norte de Galiza, cousa que puidera ser, pero é raro que nin Viveiro, nin Foz, nin Burela, nin Vicedo, nin Cedeira, nin Ferrol, teñan unha estrela Polar no seu brasón, estando tan o Norte como nós e ser tan galegos como nós.

Así, unha estrela de oito puntas, é unha invención errada do que fixo o proxecto heráldico, pois nunca tal figura tivo o escudo de Ribadeo, pois se fora así, tiña que ter sido especificada expresamente (Ciencia del Blasón, Costa e Turrell, ano1858,p.102) e isto non ocorreu nunca.

A coroa imperial do timbre é o símbolo oficial da España do “café para todos”, que se impuxo fai uns anos, en todos os concellos que tiveran, ou non, escudo heráldico propio. Un timbre que escurece a historia de máis de 800 anos de Ribadeo, sendo xurisdición de condes por ser Capitanía de todo un extenso territorio do Reino de Galiza.

Da bandeira non digo nada, pois é de película para nenos pequenos que as ondas do mar se poñan en vertical, como se foran os raios cósmicos lanzados por unha nave extraterrestre. Ten o seu aquel o asunto, pois habendo como hai, pinturas en cadros ó óleo de barcos que enarbolan o pavillón de Ribadeo nos seus mastros, qué necesidade había de inventarse unha bandeira? Vaia cos heraldos que se contrataron...! Menudos cronistas nos tocaron. Así nos vai coa defensa da nosa historia. Véxase a defensa que se fixo do topónimo da Ría de Ribadeo. Nada, absolutamente, nada. Pero poñer póñense moi guapos nas fotos. País.

--

    Anteriores sobre este tema: https://www.ribadeando.com/2025/01/ano-novo-escudo-novo.html

 

Ningún comentario: