Exercicio de ano novo: imaxina
Imaxina. Imaxina que nos últimos 15 meses tiveran morto en Ribadeo (onde somos, arredondando, 10 000 persoas de censo) 600 persoas máis das que morreron. É dicir, a maiores das mortes habidas, 1 de cada 16 persoas das que aínda estamos vivas. E que o pobo e as parroquias estiveran totalmente destruídas, sen terra nin para cultivar. Todos os superviventes abocados á fame...
Agora podes tentar imaxinar a causa de mortes extra... A estas alturas da historia, pódese dicir que as causas naturais son máis benévolas: deixarían algo de terra cultivable... Os humanos xa sabemos superar a natureza neste tema: con moita probabilidade, quedariamos nós, as propias persoas, como causa de tanta desolación. Claro que nese caso habería que procurar a causa que levaría ós causantes á destrución. Ambición e odio son os máis plausibles como motores. Dúas cousas que entendo son evitables con prevención, algo que non se fai.
Despois do exercicio anterior, podemos facer un contraste coa realidade e dar unha mirada fóra: o equivalente ó exposto no primeiro parágrafo é o que está a pasar en Palestina. Tanto as porcentaxes como a somera descrición. E non fai falta imaxinar a causa, está á vista de todos aínda que cada vez sexa menos noticia (o mesmo que o feito xenocida): é que Netanyahu estaba a perseguir a mestres terroristas, médicos terroristas, mulleres terroristas, nenos terroristas, etc.
Traducindo, a Palestinos.
Polo momento. Como segue a ter peticións de dimisión por corrupción e unha Gaza totalmente esnaquizada e morta por bombas ou fame xa pouco conta, pasa a Cisxordania, Siria, Iemen...
Netanyahu está a perseguir a paz. Literalmente, perseguir. Perseguir non no sentido figurado de tratar de atrapar que aparece nalgunha das acepcións do dicionario da RAG, senón nas que indican "Seguir a [alguén] por todas as partes importunándoo, molestándoo." ou "Acosar e castigar [unha persoa] polas súas crenzas relixiosas, políticas etc.". Para el, coido, ten as súas vantaxes: mentres lidera a súa xente nunha tarefa mesiánica, non importa tanto que sexa corrupto, mantén o poder, etc. Que ten desvantaxes para outros? 'Outros'? Só hai el e os que están con el. 'Outros', non existen, ou como se non existiran como persoas. Un sentimento, este último, que está en plena expansión neste comezo de 2025 da era cristiá.
Ningún comentario:
Publicar un comentario