Música para a banda
Hai xa máis de trinta anos que tivo lugar o Congreso de Bandas Música Populares de Galiza en Ribadeo. Alí púxose branco sobre negro que as nosas bandas dan pulo á música do noso pobo. Á música nas nosas vilas. Pero tamén, unha formación á nosa xente, e non só musical, senón tamén humana.
Por suposto, en Ribadeo hai asociacións de moitos tipos. Por suposto, o clube de fútbol -quizais o tipo de asociación máis estendido na xeografía española-, de remo, náutico, e moitos outros clubs e asociacións de actividades diversas. Tamén no eido da música, onde cabe destacar a Coral Polifónica, que leva exercendo de xeito continuado abondo máis tempo que a asociación Amadores da Música, impulsora e o sostén legal, económico e organizativo da banda de música.
Céntrome na banda porque a coñezo máis, xa que no seu momento participei con ela como músico, a máis de ter apoiado na posta en marcha e funcionamento da asociación. Tamén no congreso citado tiven un relatorio -rematado de artellar de madrugada por falta da recepción de datos doutras bandas ate horas antes-, que se titulaba 'As bandas dos músicos (I)', no que comezaba a analizar a textura desas nosas bandas. Ben, a que podemos chamar 'textura interna', o tecido que constitúen os músicos. Un tecido básico, si, mais que necesita tamén dunha 'textura externa', que lle facilite as cousas á formación no seu funcionamento, que a acompañe e que ó fin, fai á banda realmente nosa, que a estende a toda a sociedade que a rodea, que fai que non sexa só dos músicos. No caso de Ribadeo, habería que citar a máis de Amadores da música no seu conxunto social, a persoas individuais, como Choupín, impulsor desta última etapa da banda que xa leva máis de tres decenios en funcionamento, Evaristo, que contribuíu a que a idea se fixese realidade, ou Hernán, primeiro director e alma mater da formación, pero que a máis, ate o seu falecemento, deu carácter á banda e teceu unha rede de contactos e desenvolvemento da que un cuarto de século despois segue a beneficiarse a formación.
Agora que se achega o 34 aniversario da presentación da banda ribadense, sexan estas verbas unha homenaxe. A esta banda no caso de Ribadeo, a estas bandas no caso de toda Galicia. Formacións que seguen con maior ou menor acerto, a ser artistas, berce de artistas e propagadoras da arte musical para todos nós. Iso, ó tempo que potencian a música na nosa terra, a música dos nosos músicos e a nós mesmos nesa faceta musical e humana.
Así banda, e Amadores da Música, son historia musical de Ribadeo, historia de Ribadeo e dos ribadenses. Nosa historia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario