20250108

NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCION DAS ÁRBORES


NOTA INFORMATIVA DA PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCION DAS ÁRBORES


         O próximo domingo, día 12 de xaneiro, ás 12 da mañá este colectivo colocará unha mesa informativa e para a recollida de sinaturas na esquina da Praza de España con Catro Calles. O escrito, que presentaremos no Concello de Ribadeo, é o que aquí se expón. Poden asinar tódalas persoas que o desexen.

        Sr. Alcalde de Ribadeo:

 

      As veciñas e veciños de Ribadeo abaixo asinantes, desexamos transmitirlle o noso rexeitamento polas recentes cortas de árbores, tanto no Colexio Público como en outros puntos do concello que consideramos inxustificadas e arbitrarias, e o noso temor de que se sigan producindo no sucesivo en outras zonas.

       Dende o noso punto de vista as árbores son absolutamente necesarias nos espazos urbanos para manter un ambiente saudable e de relación ca natureza, ademais das súas funcións amplamente coñecidas de depuración do aire degradado polo tráfico rodado e diversas actividades antrópicas, ademais de mitigar os efectos do cambio climático e outros condicionantes naturais.

       Pola outra banda, o impacto educativo da súa presencia, nunha sociedade atenazada polo uso especulativo do solo, non deixa de ser outro motivo de peso para loitar por un urbanismo compatible coa maior proximidade posible ca vida natural.

       Desexamos transmitirlle ás próximas xeracións un Ribadeo máis cordial e máis humano, onde a convivencia e a concordia nas rúas e nos lugares públicos se vexan favorecidas por espazos amplos e verdes nos que se sinta latexar a natureza en perfecta simbiose ca vida humana, e agardamos que se existe algún proxecto de derrubar máis árbores se tomen en consideración este tipo de argumentos e se propoña o obxctivo de repoñer as árbores cortadas cas variedades axeitadas a cada zona.

      Reciba un saúdo

 

PLATAFORMA EN DEFENSA E PROTECCION DAS ÁRBORES

 

Ribadeo, 7 de Xaneiro de 2025

 Nota:

A máis da mesa de recollida de sinaturas, está aberta unha petición en Change.org: https://www.change.org/p/paremos-a-corta-dos-%C3%A1rbores-de-ribadeo-e-a-s%C3%BAa-contorna


Ningún comentario: