20250120

¿Que vai pasar coa illa Pancha?

A illa, nun plano de 1920

¿Que vai pasar coa illa Pancha?

    Se poidéramos resumir nunha frase o correo que a asociación Por Nuestro Faro ten remitido esta semana ó alcalde de Ribadeo, sería esta: «¿Que vai pasar coa illa Pancha?»

    Entramos nos últimos meses para que a concesión que pesa sobre a illa cumpra os dez anos marcados no contrato. Mais a posibilidade de que dita concesión sexa renovada por outros cinco anos, existe. Pero ninguén fala do tema, e a esta asociación cóstalle moito imaxinar que a día de hoxe ninguén teña idea do destino que lle espera a un lugar tan emblemático para os ribadenses.

    Por este motivo temos enviado esta semana pasada un novo correo ó alcalde de Ribadeo. A máis de pedirlle información ó respecto, lembrámoslle un punto sobre o que nunca se ten manifestado. Máis en concreto, mentamos a falta de estudo medioambiental -obrigatorio por lei- que debería avaluar os efectos dos negocios particulares que alí se desenvolven (cafetería e apartamentos turísticos) e o impacto da súa actividade, nunha zona pertenencente á Rede Natura 2000, e clasificada como LIC e ZEPA. De modo que fai dez anos que a illa Pancha atópase nunha situación completamente irregular sen que iso produza a máis mínima incomodidade no Concello, nin en tempos do alcalde Fernando Suárez (BNG) nin do actual, Daniel Vega (PP).

    Dende que Daniel Vega é alcalde de Ribadeo, a asociación Por Nuestro Faro ten recibido unha soa contestación ós correos enviados: o 4 de decembro de 2024 remitiusenos un escrito para decirnos que todo correo dirixido ó Concello fora e sería enviado directamente á Autoridade Portuaria.

    Lamentamos este xesto inútil por parte do Concello, pois coñecemos ben a dirección da Autoridade Portuaria, onde levamos dez anos escribindo directamente.

    O xesto de pasarlle a pelota a outra administración, é revelador do afán por parte do Concello de evitar o tema da illa Pancha, e da falta de interese por aportar información a este colectivo. Pero, aínda máis, expresa o rexeitamento a implicarse, ou ó menos a supervisar a protección dunha zona tan ribadense como calqueira outra.

    A asociación está ó corrente de que a renovación da concesión é competencia da Autoridade Portuaria, así como tamén sabemos que o Concello de Ribadeo e o seu goberno teñen a responsabilidade política de protexer a illa Pancha. E non só por ser parte do concello, senón polo seu valor patrimonial e natural, e por ser un símbolo indiscutible de Ribadeo.

A VV Por Nuestro Faro

Ningún comentario: