20250105

VITORIAS. Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

Fotografía extraída do libro "Historia Argentina" (1971). No Dominio público

VITORIAS

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Victoria Ocampo herdou tres fortunas e con elas obtivo tres vitorias: a monetaria, a da beleza e a da súa intelixencia. Con talento púxoas ao servizo dos demais e das letras, converténdose nunha activista de todas as causas gañadas ou perdidas. Puido ter unha vida tranquila gozando do seu diñeiro e do seu don de xentes, mais decidiu vivir doutro xeito diferente máis arriquecedor para ela e comprometerse.

    Autora dunha extensa obra literaria propia (os seus textos autobiográficos son todo un fito na literatura memorialística), destacou tamén como mecenas. Só polo feito de ter fundado a revista Sur (a máis importante en lingua castelá de Hispanoamérica) xa merecería un posto no Olimpo da alta cultura.

    A súa irmá Silvina era a esposa do escritor Bioy Casares e pola súa mediación coñeceu a Borges, a quen promocionou tras descubrir nel un talento literario sobrecolledor. Foi tamén protectora e impulsora de Tagore, Virginia Woolf, Igor Stravinski ou André Malraux. Feminista convencida, sempre quixo ser unha muller independente e adicou boa parte dos seus cartos a mercar esa radical independencia.

    Foi coñecida e recoñecida pola súa defensa dos dereitos civís (non só das minorías), do sufraxio feminino e do amor libre. Moderna antes da modernidade, politicamente sempre foi antiperonista e artisticamente sempre estivo a carón de todas as vangardas. Sobre o oficio de escribir dicía que “un texto muy trabajado muere” e que “el pudor es el principal enemigo de la literatura (y de la mujer)”, máximas que puxo en práctica na súa escrita autobiográfica na que “no tuvo pelos en la lengua ni en la pluma”.

    Como xornalista, foi a única hispanoamericana presente nos xuízos de Nuremberg contra os crimes de lesa humanidade do nazismo despois da II guerra mundial. No eido sentimental, practicou o amor libre e libertino (que hoxe denominaríamos poliamor) e tivo infinidade de amantes, entre eles o escritor francés Pierre Drieu de la Rochelle. Quen lle fixo as beiras sen moito éxito parece ser que foi Ortega y Gasset. Resentido chamouna “india con flechas”. Vese que non eran precisamente as de Cupido.

Ningún comentario: