20250209

A CASA DO SOL.Xosé Carlos Rodríguez Rañón

 

A Casa do Sol como dispensario antituberculoso. Foto no D.P. collida de Commons

A CASA DO SOL

Xosé Carlos Rodríguez Rañón

    Así se chamou, desde a súa inauguración, a actual Oficina de Turismo da Coruña que vén de cumprir 118 anos ao pé do Orzán. Comezou funcionando como dispensario para os doentes de tuberculose en 1906, o mesmo ano no que na cidade nacía a Real Academia Galega, o Deportivo e Estrella Galicia. O seu autor foi Pedro Mariño, o mesmo arquitecto que deseñou o pazo municipal de María Pita só cinco anos antes.

    Aínda que de reducidas dimensións (contaba só con nove cuartos), foi de grande utilidade ante o andazo tuberculoso que sufría a cidade, xa que a atención sanitaria que nela se daba era de balde para a cidadanía con menos recursos. A súa construción foi posíbel grazas á contribución altruista da veciñanza, exemplo que se reproduciu despois noutras localidades como en Vigo, no antigo sanatorio de Oza-Cesuras (recentemente rehabilitado) ou en Ferrol. Se non lembro mal, desde hai xa uns anos, mesmo creo que está pintada coas mesmas cores (branca, azul e tella) que a Casa da Cultura de Foz.

    Gardo na memoria unha vivencia persoal, non precisamente memorábel, acontecida a carón dese lugar. Era unha tarde dominical solleira e outoniza típica desa época do ano na Galiza. Saía dun moderno restaurante que había soamente a uns cantos pasos. A praia do Orzán estaba baleira, silandeira e en calma chicha. Quen me acompañaba ollaba de fronte o mar un chisco abaneante como unha ondulante e lixeira seda e eu, de costas aos dous, observaba o máis que discutíbel, esteticamente falando, “sky-line” da cidade. Sempre me interesaron máis as obras humanas que as da natureza. Cada un de nós os dous falou do que estaba a ver. Se dúas persoas non miran xuntas unha mesma cousa na mesma dirección, malo. Foi precisamente esa posición daquel día toda unha declaración de intencións do que nos acontecería só algúns meses despois.

Ningún comentario: