ALEGACIÓN O ESCUDO E BANDEIRA DE RIBADEO
Parece ser que xa está resolto o asunto de “impoñer” un escudo e unha bandeira para o Concello de Ribadeo, sen ter contestado as nosas alegacións. Cuestión de mala educación e falta de ética do goberno con maioría absoluta do PP de Ribadeo, que sigue a fe cega, os “sanos usos e costumes” de non facer caso a ninguén que non sexa da súa corda política.
Quizais pensaron que non era preciso contestar a uns “vulgares veciños” de Ribadeo pois a Comisión de Heráldica estaba formada por personaxes relevantes e con nome propio como son: D. Eduardo José Pardo de Guevara y Valdés, que segundo a descrición de Google é historiador especializado no estudo da nobreza baixomedieval galega e profesor de investigacións do Consello Superior de Investigacións Científicas.
Outro membro da Comisión, D. Pablo Otero Piñeyro Maseda, licenciado en Historia pola universidade de Santiago de Compostela e director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento.
E por parte da comisión municipal de Ribadeo está: D. Eduardo Gutierrez Fernández, Cronista de Ribadeo e algún concelleiro máis dos que non coñezo o nome.
Pois ben, o escudo e a bandeira que nos propoñen e nos “impoñen” ambas as partes da comisión, é unha absoluta chorrada, pois desvirtúa, escurece e esquece a historia real de Ribadeo.
Non se pode consentir que veña xente de fora a impoñer sentencias inventadas, e encima apoiadas por árbitros locais que parece mentira deles. Polo menos iso creo eu.
Vamos ó asunto. O escudo mantén a colocación das armas e os esmaltes: “En campo de azur ondas de azur e prata en punta, unha chave no abismo colocada en banda co paletón cara á destra e o anel a sinistra, superada por unha estrela de prata”.
As ondas seguen como estaban; á chave “enriquecérona” con tres floreos no anel. Por qué engadiron esta variante na chave orixinal, señores Pardo de Guevara e Piñeyro Maseda? Quizais por que queda así máis guapiña?
A estrela de oito puntas, de onde sacaron, Señor estudoso do mundo baixomedieval? Aparece nalgún libro ou documento histórico de Ribadeo, señor Piñeyro? Teño a impresión de que nos queren impoñer unha estrela da “bordura compostelán” (oito estrelas de oito puntas), por ser Ribadeo porta marítima principal do Camiño de Santiago. Pois si é así, están inventando, e para inventar e entremeter este argumento, poderían ter posto toda a bordura, como sería debido; pois no caso de facer algo mal, facelo ben e a conciencia.
Por outro lado, non quero pensar que se fixaron nos escudos laterais do Pazo do Xulgado de Ribadeo, onde hai semellanza a un estrela con moitas puntas, cousa que xa comentou Francisco Lanza na súa magnífica obra o “Ribadeo Antiguo”, na que explica na páxina sete (7) o seguinte: “Poco después del año citado (1797), se encargaron al escultor D. Santiago Vaamonde los escudos de cantería que se ven en la fachada de la Casa Consistorial (hoxe Pazo do Xulgado). Los “armeros” locales habían descubierto ya la estrella de cinco puntas que luce sobre la llave del escudo. Pero la estrella no pasó aún a completar las armas populares de Ribadeo, porque el escultor, incurriendo en una confusión frecuente en Heráldica, labró, en lugar de aquella, un hermoso rodete de espuela, que también podía ser símbolo... En 1833 mandó el Ayuntamiento hacer un sello de bronce dorado, con las armas de la villa en relieve, y en ese sello es donde por vez primera -que sepamos- aparece el escudo tal como hoy se usa”.
Polo tanto a estrela de cinco puntas, é a do escudo de Ribadeo desde fai dous séculos. Onde está o documento que acredita a imposición dunha estrela de oito puntas, señores Pardo de Guevara e Piñeyro Maseda?. En ningún sitio.
Así mesmo, podemos ver que están impoñendo en toda a comunidade galega o timbre dunha coroa imperial en tódolos escudos municipais, pois é unha coroa real rematada cun orbe. Por qué se admitiu esta disposición, señores estudosos? Acaso Galiza é un imperio?
Polo menos, si se fora coherente coa nosa historia, haber posto a coroa real do Reino de Galiza; non lles parece, estudosos?
Non cabe dúbida ningunha que Ribadeo é un condado desde tempo inmemorial, é foi rubricado como tal en 1369 por Enrique II “O Fratricida ou o das Mercés”, que acababa de asasinar o seu medio-irmán, o rei Pedro I “O Xusto”, chamado “O Cruel” polos nobres casteláns que viron minguados os seus privilexios durante o seu reinado.
Entón si Ribadeo é un condado desde fai oito séculos, con condes tan relevantes como Villandrando que loitaba o lado de Xuana de Arco, fai seis séculos, a qué ven isto de perder a súa coroa propia de conde, e nosa coroa propia dun condado? Coñecen o escudo do Condado de Barcelona?, creen qué terían arrestos para cambiárllela os barceloneses?
Señores estudosos, espero que expliquen pública e claramente todas estas “anomalías”. Non se vaian de “rositas” pensando no “ben que o fixeron” pois foron aplaudidos por...
Referente a bandeira, expliquen tamén por qué se engadiron as ondas de mar en vertical, semellando raios cósmicos dos “marcianitos”, en vez de investigar nos arquivos da Armada Española, cal era o pavillón dos barcos de Ribadeo?. Moitas grazas, e a súa disposición.
Nota: este artigo refírese ó que deixa ver o texto da nota https://www.ribadeo.gal/ribadeo-xa-ten-listos-o-escudo-e-a-bandeira-oficial-a-sua-aprobacion-ira-agora-a-pleno/ , publicada na web do concello do ía 19 de febreiro, na que se da por feito o cambio de escudo e bandeira, e ás alegacións presentadas, das que se deu parte no blog en https://www.ribadeando.com/2025/01/escudo-e-bandeira-de-ribadeo-pancho.html ou en https://www.ribadeando.com/2025/01/ano-novo-escudo-novo.html
Ningún comentario:
Publicar un comentario