Pleno en Ribadeo 20250218, extraordinario
Onte celebrouse un pleno extraordinario, que, mirado dende certo punto de vista, tamén foi un extraordinario pleno para reflexionar sobre o xeito de facer política na actualidade e en particular dende o concello de Ribadeo.
Vaia por diante que o audio, tomado dende a zona de público do Salón dos Alcaldes, ten un corte de medio minuto a partir do 44:22 por mor dunha confidencia que me fixeron no momento, quedou gravada e estimo non está contrastada aínda, polo que lle podería traer problemas a quen ma fixo.
Estabamos de público un grupiño de xente en contra de que se instale o novo centro de saúde ás afóras de Ribadeo (ó final, un do grupo díxolle a unha concelleira que terían que poñer liña de autobuses ó centro de saúde), grupo que entre outras cousas fixo xa hai máis dun ano unha enquisa na que resultou claro a improcedencia do lugar, e xa comezado o pleno entrou outra persoa máis. Por parte dos concelleiros, estaba ausente Pablo Vizoso.
O que poda comentar aquí pódese escoitar de primeira man no audio, mais aínda así deixo un par de notas como orientación.
A primeira, algo que xa notei en audios anteriores referidos a algún pleno, sobre as respostas do alcalde: se lle falan de algo que se está a facer mal agora e corrixible, ou ben considera opinións o que son feitos ou ben (ou tamén) ponse a falar de cousas que segundo el sucederon en mandatos anteriores e só adica un pouco de tempo á contestación propiamente dita, ás veces mesmo con argumentacións que testemuñano contrario do que está a dicir, como no caso da compra dun camión o ano pasado, antes da aprobación dos orzamentos, nos que non entrou, e a pagar este ano cunha modificación orzamentaria. Na contestación tamén é normal que remate afeando ó seu interlocutor a súa disposición, o seu desoñecemento, ou outras cousas, veña ou non a conto (esto último, o máis probable)
Por outra banda, e en relación ó centro de saúde, motivo polo que estabamos alí, a aprobación unánime da tramitación da expropiación, aínda con discusión sobre a falta de médicos en Ribadeo. Nin goberno nin oposición se fixeron eco das preocupacións documentadas que se teñen manifestado. Tampouco saíu -non era o tempo- que 'de saída' o novo centro de saúde non está previsto que teña Raios X, co que se perde xa un servizo dos que viña prestando.
Unha última cousa: a excepción dun erro, a convocatoria parece que foi un segredo (aínda que houbera unha nova na prensa que alertou sobre o tratamento do centro de saúde), pois non a vin aparecer nin nas notas do concello nin na sede electrónica, nin chegou de ningún outro xeito. Unha costume que sería cousa de erradicar, o de non saber ó detalle os puntos que se van tratar...
Ningún comentario:
Publicar un comentario