7291? Gastronomía galega! Salvatierra e Ayuso
Non, non preguntes polos 7291 mortos das residencias madrileñas en pandemia. Pregunta polo impacto da gastronomía galega na presidenta madrileña.
Coido que o anterior podería tomarse como resume informal da ¿conferencia? que Díaz Ayuso quixo dar en Ribadeo en días pasados, nos Foros de debate do Voar / Sargadelos. Foros polos que leva pasado dende hai anos unha morea de xente, 45 persoas ben coñecidas dende Calvo Sotelo a Isaac Díaz Pardo, e que polo de agora remata con Isabel Díaz Ayuso. Con ela e con José Ángel Salvatierra Rico. Salvatierra non estaba no cartel, non estaba na mesa, pero fixo a intervención necesaria, a máis longa e contestada na quenda de preguntas, e coido que o seu nome debe quedar asociado a esa charla do 14 de febreiro (San Valentín, patrón do amor e ben contraposto ó tema debatido).
Vaiamos cara ó final da charla, que polo momento se pode ver en Youtube (“X FOROS DE DEBATE : Doña ISABEL DÍAZ AYUSO”). A pregunta preparada polo presentador como remate da sesión era sesuda, para deixar bo sabor de boca á presidenta e á concorrencia: ‘Que le gusta más a Isabel Díaz Ayuso, el lacón con grelos, el pulpo á feira, el marisco o la tortilla de Betanzos?’ A pregunta pódese escoitar aló polo 1:14:30 do vídeo, e hai que tomala como un intento de remate distendido, intranscendente, dunha charla de media hora e unha quenda de preguntas de tres cuartos, quizais alongada un pouco máis para que non quedara mal sabor de boca pola pregunta do protagonista da noite, Salvatierra.
E imos agora con el. No minuto 55:50 do vídeo comeza a súa pregunta. Aconsello, de querer vela, facelo no vídeo completo e non en algún dos cortes e montaxes que tentan aproveitar a pregunta de xeito combativo. Aconsélloo por varias razóns. A primeira, porque nese vídeo non está retocada, é unha ‘fonte primaria’ sen mediatizar, e polo tanto vese mellor o que pasou. Aconsélloo tamén porque alí se ve o ambiente seareiro que fixo que as cadeiras estiveran ocupadas ben antes do comezo da sesión por afíns políticos da presidenta madrileña, pasando a ser case unha falla organizativa que Salvatierra chegara a estar de pé ó fondo da sala. Aconsélloo para ser conscientes da dificultade de facer unha pregunta desenvolta dun xeito lóxico nesas circunstancias. Non, non digo que sexa un modelo lóxico ou discursivo, por outra banda difícil de manter no ambiente que se palpa, senón máis ben unha pregunta cualificable de normal, iso si, documentada, e ó tempo, valente. A pregunta, sobre os 7291 mortos nas residencias madrileñas, e a resposta, sobre a ‘trufa de intencións políticas’ nunha charla con tema político, sobre a mentira (a pesar de que esa cifra que non acepta, 7291, saíu do gabinete que preside Ayuso) ou a descualificación (dunha persoa que só coñece por unha única pregunta que fixo) como dixen, coido que é ben escoitalas no vídeo máis que facer un resume, e por iso aquí paro.
Cunha excepción, porque para remate, gustaríame reproducir as últimas verbas de Salvatierra: ‘En recuerdo de los mayores y para que esto no vuelva a ocurrir’.
O vídeo: https://youtu.be/LdYVjzqTaCQ?t=3330
Ningún comentario:
Publicar un comentario