20241120

Triángulo: libro de F. Díaz-Fierros sobre a medición da Terra

    Será mañá xoves pola tarde. Deixo o collido na páxina da editorial, e en canto a Díaz-Fierros, hai moitas cousas xa no blog ou na Galipedia:

    Dous franceses e un galego nas illas Pitiusas
    Entre 1806 e 1808, o matemático e astrónomo, Xosé Rodríguez González (Bermes, Lalín, 1770 - Santiago de Compostela, 1824), xunto cos franceses Jean-Baptiste Biot e François Arago, percorreron as illas Pitiusas nunha expedición científica que serviría para definir o metro como sistema universal de medida. Os seus traballos e aventuras constitúen un relato histórico do máximo interese para poñer en valor a importancia deste matemático galego neste logro científico.

 



20241118

Detrás das institucións

Angrois. Xosema, CC BY-SA 3.0, https://commons.wikimedia.org/w/index.php?curid=27420563

Detrás das institucións

    Literalmente, os cidadáns estamos detrás das institucións. E en varios sentidos. Somos quen votamos e polo tanto, temos algo que dicir para poñer ou sacar xente, formas de facer, ou leis. Somos quen nos beneficiamos ou sufrimos as súas decisións e a aplicación das mesmas. Somos, en fin, quen debemos, como 'propietarios' e como 'clientes' segundo a faceta das dúas anteriores que apliquemos, repito, como propietarios ou como clientes das mesmas, quen podemos reclamar ou esixir cambios e turrar ata conseguilos para que as institucións cumpran a súa función, para crear novas (aínda que ese sería un segundo paso, por tras de facer que as que hai funcionen) ou desfacernos das inoperantes ou inconvenientes.

    Hai moitos exemplos que se poderían dar. De feito, varios por cada institución segundo a época de vida que estea a pasar cada unha. Pero en calquera caso está claro que correspóndenos a nós, como cidadáns, loitar por -e se é necesario, contra- as institucións. A nós corresponde facerlles un seguimento, máis aló dos mecanismos que se supón deberan levalo a cabo de xeito interno a elas mesmas. Sexa un goberno, local, provincial, autonómico ou estatal, un servizo -sanitario, de ensino, xudicial, ...- ou mesmo un dos chamados chiringuitos para externalizar funcións de gobernación e xestión, como Portos de Galicia ou Puertos del Estado, entre outros moitos. E, despois dese seguimento, actuar.

    Claro que, cadaquén ten as súas cousas, as súas vidas, e ninguén anda sobrado de tempo para facelo. Isto é, o facer o seguimento e conseguir un funcionamento adecuado require un esforzo da cidadanía, que de calquera xeito en xeral non chegará a controlar nin sequera que debera abranguer ese control. Pero hai que facelo na medida do posible. Para poder desfrutar unha información adecuada -léase 'o que está a pasar na TVG', para evitar situacións de perigo -agora resulta que o fiscal pide a retirada de pena ós cargos de ADIF polo caso de Angrois-, para cumprir a xustiza medioambiental -múltiples desleixamentos e agresións na costa, como no caso da illa Pancha, por non falar da ocupación de zonas indables e cambio climático-, para reclamar saúde pública -chega cos máis de sete mil mortos nas residencias de Madrid no COVID-, para o adecuado coidado dos nosos maiores na residencia máis próxima, ou outros moitos casos e situacións. Un cidadán ou cidadá se fíe ou non do sistema, que pase das situacións, non é cidadán, senón súbdito do sistema. Sexa cal sexa ese sistema, político, social ou económico.

    Todo o anterior sen esquecer que, fóra das institucións, hai casos flagrantes de incumprimentos por parte privada que se benefician da disfunción institucional. 

20241117

20241117: pedindo a paz en Ribadeo

Nas vistas da Terra dende o espazo vese a realidade: compartimos un mundo, necesitamos a paz. (Imaxes da NASA)

    Hoxe houbo unha nova concentración pola paz en Ribadeo. Corenta persoas acodemos ó Cantón, fronte á Torre dos Moreno para facer ese exercicio que consideramos necesario: pedir a paz. En baixo quedan as verbas que se dixeron (salvo uns segundos ó comezo).


O tren que non para


 O tren que non para

    Hai pouco tiven ocasión de viaxar en AVE. Para alguén de pobo (parece que ata ten diferente sentido ó castelán 'de pueblo') que di ir en tren a usar de xeito esporádico o FEVE, iso de ter unha pantalla en fronte marcando que vas a 300 km/h, que corroboras co paso dos campos á beira, é un choque mental. Iso de comprobar que un tren, a unha hora pouco apetecible, un día 'normal' de semana vai cunha ocupación alta das súas 510 prazas, fronte ó baleiro do vagón automotor único que recorre ás veces ás vías de FEVE, tamén.

    Escáner, varias persoas atendendo na entrada da estación, gardas de seguridade... calculo que a viaxe duns 400 km que fixen, pouco máis de 3 h, recadou uns 12 000 €. Mentres, no FEVE, as dúas persoas no tren, cando hai alguén que revise os billetes e os cobre), a cousa queda un par de ordes de magnitude por baixo para un recorrido de máis de dobre do tempo. Iso si, a ollo, os custes de construción, operación e mantemento presentan unha escala se non semellante, ao menos tamén de diferente orde.

    Ver pasar as vilas dá unha sensación de tránsito, de algo pasaxeiro, redundando no sentirse un mesmo iso, pasaxeiro. Pero, ó tempo, dá lugar á reflexión sobre o illamento das viliñas e lugares ó pé dunha rede que une os grandes núcleos urbanos, mais discrimina, invisibiliza mentalmente e axuda a baleirar as vilas. Tárdase máis entre as estacións de Ribadeo e Oviedo, 100 km en liña recta, que entre a de Oviedo e Madrid (Clara Campoamor, a antiga Chamartín), case catro veces máis en liña recta. É certo que a orografía vai cambiando, pero non xustifica nin con moito a diferencia.

    E, mentres as vilas esmorecen, hai quen se pregunta por que. A pregunta non soe facerse no sentido de por que se impoñen as condicións para ese esmorecemento. Non, senón por que o fan, por que esmorecen, de xeito illado desas condicións. Como se esmorecer fora unha opción elixida, unha opción tomada por vagancia, 'porque as vilas merecen o que lles pasa', e así, claro, como non lles vai pasar? É dicir, unha versión a 'nivel vila' das acusacións que se fan a nivel individual (por moi xenéricas que sexan), a 'nivel xente' de cada quen ten o que se merece. Como se as condicións impostas externamente non contaran, como se foran realidades sen conexión.

    E, mentres, de xeito literal, o tren non para. O progreso non para. Ou os progresos, que a concepción, desenvolvemento e idea de progreso pode ser moi diferente segundo as persoas. E as vilas quedan sen estación, a modo da chafada comitiva de benvida na película 'Bienvenido, Mr. Marshall', aquela que só recibía dos moi esperados norteamericanos o pó do paso dos seus automóbiles.

-

    Unha nota final por se fai falta aclaración: non importa que estea a favor ou en contra do AVE como tecnoloxía; por exemplo, consume máis recursos que o FEVE, pero menos que o avión. Sinxelamente, a cousa é así.

“Non mires á balsa de ALCOA”. Iván Rodríguez Lombardero

Unha curiosidade: a balsa, en Google Maps, aparece da mesma cor que a auga... (captura de Google Maps)

“Non mires á balsa de ALCOA

O pasado 11 de outubro a Xunta de Galicia publicou unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable para o recrecemento da balsa de lodos vermellos de Alcoa. Unha DIA “singular”, como denuncian ADEGA, Ecoloxistas ou Petón do Lobo, que no seu primeiro apartado inclúe un texto literal que deixo ó seu xuízo:

“A avaliación non inclúe os aspectos de seguridade das instalacións, estabilidade xeotécnica, de seguridade e saúde no traballo, de minería, estradas e outros que posúan normativa reguladora e instrumentos específicos e se atopan fóra do alcance da avaliación ambiental, nin todo aquilo que se atopa fóra das cotas (100msnm-104msnm) nas que se pretende a execución do proxecto, nin das canteiras ou zonas de extracción de áridos e pedra, nin os que se deriven da caracterización dos barros a depositar nin dos plans de emerxencias interiores e exteriores”.

É dicir, que adiante. Non temos claro se caerá todo, se vai ser seguro para o persoal, se se vai restaurar ou non, se os viais van ser empregados de acordo coa norma, pero polo tema “ambiental”, adiante. Semella que as asinantes non queren a responsabilidade de aprobar por urxencias políticas un proxecto con tantos aspectos pendentes de aclaración. Un exemplo: durante o trámite ambiental o departamento de Saúde Pública caracterizou os lodos como irritantes e corrosivos, e polo tanto perigosos, o que podería modificar os informes previamente remitidos polos restantes departamentos consultados…

Pese a resolución favorable, abondan no texto as condicionais e as dúbidas, entre as cales a unha semana da catástrofe da DINA en Valencia debemos salientar este parágrafo sobre o informe da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior:

“Revisada a documentación en relación coa avaliación dos efectos derivados da vulnerabilidade do proxecto ante riscos de accidentes graves ou catástrofes que incidan no proxecto, se estima que son elevados, e polo tanto o promotor do proxecto ten que modificar o Plan de Emerxencia Interior para adaptarse ás novas características do depósito, que será o documento de referencia para a actualización e revisión do Plan de Emerxencia Exterior”.

Adiante, pese ó elevado risco. Cal é o risco dunha balsa de lodos? A licuefacción dos mesmos debido a fortes precipitacións, que poidan converter a terra en lama e provocar a caída dese depósito de 100 metros de altura (33 pisos!!). Agarrarémonos neste momento de crise climática -onde está a suceder seguido o nunca antes visto- ao “malo será que chova tanto, verdade”? Pois si, agarrámonos. Adiante.

Como xeólogo teño claro que se non se desmonta antes a balsa de lodos vermellos vai caer antes ou despois. Se non é por un evento catastrófico hoxe será pola falla de mantemento despois de pechar Alcoa ou -o máis frecuente- por unha mestura de ámbalas dúas cousas: un evento excepcional tras un mantemento deficiente. E aquí pasamos a outro interesante debate aberto neste caso pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, que informa:

“O proxecto non ten en conta no deseño un sistema que sexa independente dun mantemento activo sine die para garantir a ausencia de impactos unha vez clausurado e abandonada a actividade e o seguimento” e estima que “debe incorporar un deseño que garanta que os impactos, ordinarios ou accidentais, ao longo do tempo, non teñan posibilidade de acontecer, xerando un sistema que non sexa dependente de actuacións antrópicas de maneira indefinida para a súa viabilidade”.

O Rei Espido, finalmente! Recoñece que se dá vía libre a un proxecto que requirirá dun mantemento permanente durante séculos sen concretar quen vai asumilo (un custe que se cadra suporía a inviabilidade económica da factoría). Quen pagará esa factura sine die? Como garantir o seu cobro? Estamos a telo en conta cando falamos do beneficio de ter ALCOA na nosa comarca? Mais… ningún problema! A propia DIA resolve o asunto coa encarga de presentar un proxecto de clausura e restauración definitiva da balsa… (Pero hoxe non: mañá!)

“Fase de abandono da actividade: Remitirase ao órgano substantivo, no prazo de un (1) ano previa a finalización da vida útil das instalacións o proxecto de selado, clausura e rehabilitación das mesmas xunto co pertinente EsIA.”

En fin, que xa buscaremos a tixola cando rompamos os ovos. Adiante cun proxecto sen garantía de estabilidade nin seguridade nin plan de restauración nin plan de emerxencia. Unha decisión política da que o propio persoal técnico non semella querer responsabilizarse mentres todas cruzamos os dedos porque non pase nada. Seguimos sen querer mirar arriba, pero debéramos mirar cando menos a Valencia.

Análise elaborada por Iván Rodríguez Lombardero, coordenador do SLG en Lourenzá (A Mariña, Lugo). Xeólogo ambiental, doutor pola Universidad Politécnica de Madrid (E.T.S. de Enxeñeiros de Montes), especialista en avaliación ambiental de actividades e planificación física.

20241116

Unha transición responsable para a illa Pancha. A VV Por Nuestro Faro


 Unha transición responsable para a illa Pancha

    Temos entrado xa no décimo e último ano de validez da concesión que permitiu a explotación privada da illa Pancha para montar un negocio hostaleiro. Dende esta perspectiva, e para asegurar unha transición dentro da legalidade, a asociación Por Nuestro Faro xa enviou correos a Puertos del Estado, Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao e ó Concello de Ribadeo.

    O pasado mes de xuño, o Defensor del Pueblo comunicaba á asociación: «la Consejería de Medio Ambiente, Territorio y Vivienda ha remitido un informe en el que manifiesta aceptar la Recomendación formulada, referida al cumplimiento del apartado cuarto del artículo 46 de la Ley 42/2007, del Patrimonio Natural y de la Biodiversidad.». En consecuencia, daba por rematado o intercambio de correos con nós, «ello en la confianza en que la consejería adoptará las medidas precisas para el cumplimiento de la Resolución en las próximas certificaciones que emita sobre los posibles efectos de un proyecto sobre los espacios de la Red Natura 2000 de Galicia.»

    Lembremos que a día de hoxe os proxectos de apartamentos turísticos e cafetería instalados na illa Pancha non teñen estudo de impacto ambiental, e polo tanto están funcionando de xeito totalmente irregular.

    En consecuencia, temos pedido a Puertos e Concello que a asociación Por Nuestro Faro sexa informada «das medidas adoptadas de cara a realizar o preceptivo Estudo de Impacto Ambiental, ou, no seu caso, as que teñan proxectado realizar no lo sucesivo». De igual modo, e tendo en conta de que existe a posibilidade de que a concesión outorgada sobre a illa Pancha sexa prorrogada outros cinco anos, pedimos a estas institucións que, en caso de ser solicitada, «se abra un novo período de exposición pública ó que podan ter acceso todos os veciños de Ribadeo e persoas interesadas, coa debida publicidade [...]». Non hai que esquecer o obscurantismo informativo que levou á sinatura da concesión actualmente en vigor, así como á aprobación das licenzas de actividade e apertura dos negocios que alí funcionan.

    Por otra beira pedimos «que se admita a nosa Asociación POR NUESTRO FARO como parte interesada no expediente, polos antecedentes que figuran nos seus arquivos e por representar a parte da opinión pública». E, por último, «que se nos informe coa debida antelación de todos os trámites e actos administrativos que se produzan neste expediente no lo sucesivo».

    Asemade, témoslle lembrado ó alcalde de Ribadeo que a nosa queixa presentada no Concello o 29 de xullo segue a día de hoxe sen resposta. Ó mesmo tempo que reiteramos a esixencia legal do estudo de impacto ambiental antes de levar a cabo calquera actividade, xestión, ou trámite no terreo concesionado, pedímoslle transparencia e información sobre calquera iniciativa ou proxecto en relación coa illa Pancha do que teña coñecemento.

    Por Nuestro Faro parte da creencia de que Ribadeo ten dereito a participar dun xeito ou outro no destino dun ben común tan emblemático como o é o faro e o seu su entorno. E para que así sexa, os ribadenses deben ser informados do estado da illa Pancha e das iniciativas que se podan levar a cabo. Por outra beira, calquera proxecto que se plantexe na illa Pancha debe cumprir as leis galegas, nacionas e internacionas, e contar cos informes preceptivos.

    En consecuencia, esiximos ás instituciónes implicadas, unha vixiancia e supervisión da legalidade e da integridade dese espazo protexido, neste período de transición que pode ser decisivo no futuro da nosa illa.

A VV Por Nuestro Faro

Izando a bandeira tras o proeiro das irmandades da fala

    Esta semana recibín a nota que adxunto, cos dous carteis, un para o acto local e outro para unirse nas casas: 

Con motivo da celebración do 106 aniversario da I Asemblea Nacionalista, promovida polas Irmandades da Fala en Lugo, Vía Galega vai desenvolver por todo o País a exhibición da bandeira galega, do 17 ao 23 de novembro, así como actos de Izamento da bandeira en lugares públicos. 

Invítase, polo tanto, a todas/todos á colocación da bandeira na súa xanela ou baranda, así como a acudir ao acto de Izamento na Praza do Souto en San Miguel de Reinante, o próximo sábado 23 ás 12 h.


20241112

Domingo, pola paz en Ribadeo e no mundo

    O domingo, de novo (como todos), pola paz en Ribadeo e no mundo. Antes, venres, comeza unha exposición de arte por Palestina. Deixo ambas convocatorias abaixo: